«A maioría absoluta do PP non é para nada inamovible»

La Voz LA VOZ | CHANTADA

LEMOS

Entrevista | Alfonso Piñeiro

08 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

Alfonso Piñeiro será a cara visible do BNG de Chantada como mínimo durante os dous anos que faltan para as próximas eleccións municipais. Tócalle darlle o relevo a Fernando Varela, todo un peso pesado da escena política local, que esta semana fixo pública a súa decisión de demitir do posto de concelleiro que ocupaba hai trece anos. En contraste con el, o seu sustituto é un auténtico recén chegado. Ten 43 anos e traballa como efermeiro no hospital de Monforte. Afiliado ao BNG dende o ano 2002, debutou como candidato nas últimas eleccións, empuxado, según admite, pola súa implicación en Nunca Máis e no movemento contra a guerra. -Entrou vostede en política nun momento complicado para o BNG chantadina. -O momento da ruptura. -¿Participou vostede naquel proceso? -Non directamente. -¿Pensa que a ruptura da esquerda nacionalista local é irreversible? -O que penso é que isto non é cousa dun concelleiro, senón da organización no seu conxunto. En todo caso, e como reflexión puramente persoal, creo que poucas cousas son absolutamente irreversibles. -Releva vostede a todo un peso pesado. ¿Impresionado pola responsabilidade? -Desde logo que estou impresionado. Sustituír a Fernando Varela é moi complicado. El é, ademáis de amigo meu, unha persoa que leva feito un traballo extraordinario no Concello. Foron trece anos de concelleiro, cinco deles no goberno. -¿É inamovible a maioría absoluta do PP en Chantada? -A maioría absolutao do PP non é para nada inamovible. Conservouna nas últimas eleccións por non moitos votos. E na vila, a diferencia entre o PP e a oposición é moi pequena. A situación actual pode cambiar, e temos que traballar por cambiala. -¿E como? -Hai que manter un contacto directo cos veciños. Temos que facelos entrar no concello, como cantaba Gato Pérez na canción «La diputada», que propoñía abrir un burato no Parlamento para que entrase a xente. -¿As parroquias son unha asignatura pendente para o BNG? -As parroquias son unha preocupación, pero non tanto polos votos que nos poidan faltar nelas como pola situación na que se atopan. Eu non concibo que no século XXI o medio rural de Chantada siga sen saneamento nin traída pública de auga. No noso programa ía que o 50% dos cartos do canon fosen investidos nas parroquias. E nesa liña, Fernando Varela propuxo recentemente que a universidade fixese un estudo das necesidades das parroquias da ribeira, as máis prexudicadas pola construcción dos encoros, para ter as prioridades fixadas cando chegue o momento de cobrar o canon.