A lei de toponimia polo chan

Xaime López Arias SARRIA

LEMOS

Crónica | Traducións de nomes de lugares e parroquias Traducir os nomes dos pobos é unha prática irracional e que reflicte a ignorancia, o desinterese e o descoñecemento da normativa vixente por parte de quen a realiza

21 ago 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

É boa cousa recordar que a Lei 3/1983 de Normalización Lingüística di: «1.- Os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega. 2.- Corresponde á Xunta de Galicia a determinación dos nomes oficiais dos municipios, dos territorios, dos núcleos de poboación, das vías de comunicación interurbanas e dos topónimos de Galicia. O nome das vías urbanas será determinado polo Concello correspondente. 3.- Estas denominacións son as legais a tódolos efectos e a rotulación terá que concordar con elas». O desinterese e a ignorancia, tanto do contido da normativa legal vixente, como dos máis elementais coñecementos lingüísticos e filolóxicos, deron lugar a que aínda moitas persoas, autoridades, notarios, e mesmo responsables de cooperativas, empresas, organismos oficiais, escriban sen nengún rigor os nomes dos lugares e parroquias, conculcando non só a lexislación, senón tamén dando lugar a híbridos e traduccións (¿por qué traducir topónimos?) absurdas que escapan da lóxica, e que só poden ser froito da desidia e en moitos casos da mala intención e da petulancia. Son tantas as veces que vemos reflectidas cousas tan curiosas como Eirejalba por Eirexalba (¿por que non Iglesiablanca?) ou Villamayor por Vilamaior (¿e por que, seguindo a mesma lei do funil, non poñen Barbadillo ou Sietevientos?), que se chega a sentir vergoña de que se pretenda pasar por listos, facendo cada quen o que lle peta, sendo tan pouco consecuentes, e que mesmo aqueles organismos (Xunta, deputacións, concellos, xulgados, notarías...) chamados a non descoñecer o contido da lei, sigan a manter xeitos e maneiras máis propios dun tempo, afortunadamente pasado, que dos actuais, onde a norma, e todas as normas, teñen que ser atendidas, porque son froito da racionalidade. Topónimos legais Para que cada quen asuma a responsabilidade que lle corresponde, e se teñan presentes os topónimos na súa única versión (que é a legal) imos adicar varios soltos a aclarar unhas cantas destas asneiras e aberracións que, esquecendo o que é norma legal de obrigado cumprimento, levan a manter denominacións toponímicas deturpadoras, híbridas e que amosan a ignorancia de aqueles que as fan figurar nas súas propagandas, na documentación ou mesmo nas conversas. Atendendo ao criterio de proximidade xeográfica, e tendo en conta a aterraxe de empresas extraparroquiais, adicaremos atención a San Xulián da Veiga de Sarria, nome oficial e único a todos os efectos da parroquia da que son lugares Airexe, As Cruces, O Montés, San Xulián e Lezoce. Na publicidade e membretes de varias desas industrias asentadas nesta parroquia poñen un San Julián de la Vega que non salta un toureiro manco da Vega de Granada, ao que lle fai compaña un San Julián, chantado pola Xefatura de Estradas da Xunta de Galicia, antes do desvío de Céltigos, que fala ben ás claras do rigor deste organismo (consecuentes son, porque un pouco antes tamén puxeron Villarrairo, e sorte houbo en que non lle puxesen Villacanal, que xa sería saber de máis), así que se os responsables da Xunta de Galicia poñen os topónimos como lles peta (falaremos de máis casos), as empresas con portas abertas en San Xulián da Veiga de Sarria fanse, en xusta lóxica, merecentes dunha subvención, a engadir ás xa concedidas, premiando así a súa peculiar galeguidade e o seren tan descoidadas cumplidoras de legalidade. Obradoiros de carpinta, factorías de taboeiros, empresarios de espectáculos, empresas de transporte, almacéns varios, fábricas de pretensados... forman a singular e polifacética orquestra Los de la Vega , recitadores, de seguro, daquel poema de Corriendo van por la Vega ... ¿Ou é que coidan vender mellor os seus productos e actuacións se mudan a situación real para un San Julián of Valley? Decídanse. Ser industrial ou profesional de variopintas actividades non dá patente de corso nin autoridade algunha para entrar a saco na toponimia que é propiedade do pobo galego, producida e patentada polo pobo galego. E se entran como elefantes en cacharraría, hai que ser consecuentes, e non escribir Pontevedra (escriban Puentevieja) ou Sarria (que a tradución é Espuerta ). Con outras non menos curiosas aberracións imos seguir máis adiante. O catecismo do padre Astete fala daquela obra de misericordia que manda «ensinar ao que non sabe»... e tamén ao que non queren saber.