Crónica | O nome do camiño que leva ao Chanto vén de moi antigo A Ribeira é a denominación correcta do treito comprendido entre a praia fluvial de Sarria e a Ponte Ribeira, que está sendo acondicionando nestes días
31 jul 2004 . Actualizado a las 07:00 h.Nestes días están a arranxar o Camiño da Ribeira, que é a denominación correcta que levou o acceso á Praia Fluvial do Chanto dende a Fonte Ribeira. Hai que corrixir a tempo porque calquera batismador es officio pode tirar por terra un nome tradicional, substituíndoo por calquera mixtificación ou suplantación que non deben ser consentidas. Ese nome de Ribeira vén moi de antigo consagrado e en modo algún debe ser suplantado por nomes como Paseo do Chanto ou Paseo do Malecón, que non son outra cousa que suplantacións nese treito concreto. O nome de A Ribeira fai referencia á ripa Sarriae , que despois foi «río da Sárria», viva esta denominación aínda en 1754, e ten correcto reflectir nos nomes de A Ponte Ribeira, a Fonte Ribeira ou o Muíño da Ponte Ribeira. E o mesmo Barrio da Ponte Ribeira, un dos primeiros antecedentes da actual vila de Sárria, tamén nos leva o nome tradicional, polo que parece froito da incuria o que se queira esquecer o nome propio, dándolle outro ou outros que, por recentes, son meras deturpacións. A Ribeira é a denominación do treito comprendido entre a Praia Fluvial e a Ponte Ribeira, mentres que a Ribeira dos Cucos é o nome propio do treito que vai da presa do muíño ata a ponte Castelao. En conclusión o nome correcto e actualizado do treito en trámite de acondicionamento debe ser Paseo da Ribeira. E agora, aproveitando que o río Sárria pasa por Samos e Sárria, quero reiterar unha vella teima dirixida ás autoridades municipais, para ver se amosando sensibilidade se vai a unha recuperación da antiga Fonte Ribeira, en todo o seu esplendor, e similar emprazamento orixinal, por ser un dos monumentos máis significativos da vila e que só a deixadez e a incultura poideron facer posible que hoxe, reducida á mínima expresión, non sexa sequera caricatura do que foi, cando era a única fonte da vila, única manzaneda de vida ata 1920. Non haberá realmente un programa de recuperación minimamente crible, entrementres o Concello de Sárria non sexa quen de poder recuperar un dos iconos definidores da vila, que coa Ponte Ribeira, e o Muíño da Ponte Ribeira, chamou a atención dos viaxeiros, e calmou moita sede, o que a fai merecente dunha actuación recuperadora, para a que non fallan referencias gráficas, pois no seu tempo era lugar de parrafeo e o auténtico casino popular, xunto co grande lavadoiro instalado na cabeceira do que é hoxe o Malecón. O Barrio da Ponte Ribeira, realzado agora coa apertura da Rúa Celso Emilio Ferreiro, era a entrada á vila, e como Ponte de Sárria aparece en moitos documentos, sendo de sinalar que alí había que pagar pontaxe, correspondéndolle á Xustiza e Rexemento da Vila de Sárria o cobramento dos dereitos, que eran arredados en poxa. Ademáis das actuacións na rúa do Peregrino é de supoñer que haberá outras na mente dos munícipes, pois o Muíño, os rairos e a presa (¡que presa!) piden tamén atención, pois poucos muíños hai na zona que presenten tan fermosa estampa como o da Ponte Ribeira, dormido a carón dos ameneiros da ínsua. O Paseo do Malecón, o entorno da Ponte e a Fonte Ribeira, e o Paseo da Ribeira, poden ser unha boa mostra da sensibilidade e o amor polo noso, e como tamén é competencia municipal, non estaría de máis pedirlle ao Concello que no punto máis axeitado coloque un letreiro que diga Río Sárria, xa que ningunha indicación sinala que se está a atravesar unha corrente fluvial, feito que explica que en moitas guías e actuacións oficiais non figure a Ponte Ribeira, que con orixe no século XII foi anterior á Vilanova de Sárria. E unha derradeira petición: Non humanicen en demasía ao Paseo da Ribeira, está moi fermoso na súa sinxeleza, aínda que de cando en vez o río leve terra ou chapacuña. Considéreno o tributo aneiro que o río esixe.