Obxectos de elevado valor histórico conservados en casas e almacéns

La Voz

LEMOS

? creación dun museo histórico local, a xuízo de Amigos do Patrimonio de Lemos, serviría tamén para reunir unha serie de pezas que, sen ter chegado a saír de Monforte, están espalladas por numerosos lugares -algunhas delas en vivendas particulares- e non son accesibles ao público. Un exemplo notable desta situación é o caso da lápida fundacional do convento franciscano de San Antonio de Padua, demolido no século XIX, que foi localizada en tempos recentes por Jorge Vila nunha casa particular. A pedra apareceu no curso dunhas obras e foi incorporada a un muro dunha nova edificación. Unha inscrición en latín, algo deteriorada, alude á fundación do desaparecido convento, que foi construído en 1503 no terreo que hoxe ocupa a casa consistorial. O historiador Ernesto Iglesias publicou na revista Lucus un estudo sobre esta importante peza. A asociación sinala por outra parte a existencia de tres pedras labradas que foron encontradas no leito do río Cabe durante os recentes traballos de dragaxe e que ao parecer proceden tamén do convento de San Antonio. Estas pezas arquitectónicas están gardadas nos locais da escola obradoiro municipal e o seu destino non está decidido. Paradoiro descoñecido Amigos do Patrimonio considera ademais que é necesario averiguar o paradoiro doutros obxectos de valor histórico encontrados en tempos recentes no municipio e dos que hoxe non se sabe case nada. A este respecto, mencionan o caso de varias pedras labradas do torreón do Cárcere Vello que posiblemente servían para canalizar a auga de chuvia na cuberta da antiga construcción. Segundo a asociación, esas pedras foron depositadas hai anos nun local do campo da feira e hoxe ignórase onde están. «Sabemos que ao menos un tractor saíu dalí cargado con esas pedras, con destino descoñecido», afirma Jorge Vila. O colectivo indica que tampouco se coñece o paradoiro de diversos elementos encontrados durante os últimos en obras particulares realizadas en varios puntos da cidade. «Con frecuencia, os restos arqueolóxicos que aparecen ao facer unha obra son gardados polos propietarios sen máis, cando a lei obriga a comunicar á Dirección Xeral de Patrimonio todos os achados deste tipo que se produzan», di o vicepresidente da asociación. «Temos noticias dalgúns achados que se fixeron fortuitamente hai poucos anos en obras realizadas no centro urbano, nas que apareceron cousas como capiteis de columnas e antigas pedras de muíños, pero tamén sabemos que ninguén avisou ás autoridades da existencia deses obxectos», agrega. A directiva da asociación pide a todas as persoas que fagan achados deste tipo que os comuniquen a Patrimonio para que poidan ser catalogados e estudados por especialistas. «Hai que fomentar a conciencia cívica para que se respecte máis o noso patrimonio. O ideal sería que os propietarios destes obxectos os cedesen para un museo local a fin de que sirvan non só para que todos poidamos coñecer mellor a nosa historia, senón tamén para fomentar o turismo cultural, de maneira que todos os veciños de Monforte cheguen a beneficiarse deses achados», comenta Vila.