A firma Espín Espectáculos rescata a memoria das bandas autóctonas dos sesenta e setenta Un arquivo gráfico mostra en Internet un período hoxe pouco coñecido
28 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.?os últimos lustros do franquismo, as posibilidades de ocio da xuventude monfortina, como a do resto de Galicia, eran bastante escasas. Para contrarrestar o tedio reinante na célebre década prodixiosa, houbo numerosos mozos que se animaron a formar os seus propios grupos musicais, seguindo a moda do momento. As formacións que surxiron na cidade durante anos sesenta e setenta, a pesar do ambiente pouco favorable que se daban nuns tempos de dictadura, estreiteces económicas e emigración masiva, chaman a atención pola súa abundancia, que ofrece un marcado contraste coa situación actual. A empresa monfortina Espín Espectáculos conserva un notable arquivo gráfico que dá testemuño da efervescencia musical de antano e hai algún tempo decidiu difundilo na súa páxina de Internet. A colección fotográfica foi reunida polo falecido Manuel Gallardo Espín, creador da empresa e no seu día membro de varios daqueles grupos. «Quixemos render unha homenaxe a toda a xente de Monforte que se dedicou a facer música e a animar o ambiente naqueles anos e por iso tivemos a idea de rescatar e mostrar estas fotografías, que foron adquirindo cada vez máis valor co paso dos anos», explica Alberto Gallardo, actual responsable da firma e fillo do fundador. Festas e guateques Moitos daqueles grupos tiveron unha vida efémera e formáronse unicamente coa intención de actuar en determinados guateques e festas locais ou nos festivais benéficos que adoitaban celebrarse por Nadal. Outros músicos, en cambio, chegaron co tempo a desenvolver unha actividade semiprofesional ou plenamente profesional, ao menos durante certo tempo. O repertorio de moitas daquelas bandas estaba constituído principalmente por versións dos grupos pop españois máis exitosos: Los Brincos, Los Bravos, Dúo Dinámico, Los Mitos, Fórmula V, Los Pekenikes... As versións españolas dos Beatles e doutras formacións anglosaxonas que popularizaron grupos como Los Mustang foron outra importante fonte de abastecemento. Non obstante, tamén houbo quen se animou a compoñer os seus propios temas. Á hora de bautizarse, aos protagonistas daquel peculiar movemento musical non lles faltou imaxinación nin humor. Nomes de certa resonancia autóctona como Los Kawes, Los Hórreos ou Xerfa conviviron con outros máis semellantes aos típicos das celebridades do pop hispano ou con curiosos híbridos como Los Camons, denominación tomada da locución inglesa Come on , tan utilizada nos escenarios. Un fenómeno que non se repetiu desde entón, a pesar de que hoxe en día hai moitas menos dificultades para levar a cabo iniciativas desde tipo.