Crónica | Concertos de pop e os albergues sen medios O cronista oficial de Sarria chama a atención de que os albergues do Camiño seguen sen instalacións axeitas mentres o Xacobeo gasta millóns en concertos de música pop
13 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.? estrada pública dos peregrinos vai recibir este ano 2004 a pegada de milleiros de pés de peregrinos, moinantes, tragamillas, turistas de fin de semana, pedichás, vagamundos etc, etc, e unha vez máis as pequenas localidades recibirán o impacto producido por eses milleiros de persoas que percuran a compostela onde no vello latín clerical se dará fe de que se fixeron máis de 100 kilómetros andando. E dixen compostela e non compostelana como por erro din moitos dándolle a esa certificación apelativo de tuna algareira. Para os lon?xanos pensantes santiagueses, trátase de colocar milleiros de homes, mulleres, mozos e mozas, nas prazas do Obradoiro e da Quintana, nunha parva carreira de «moitos máis ca o ano pasado, moitos menos que para o vindeiro». E vai haber moitas persoas que, confundindo peregrinación con turismo a gastos pagos, esixirán contar con praza fixa -e a poder ser, ata con reserva- nos limitados e xenerosos albergues, e que protestarán pola previsión de urxencia de tendas para acollida, ou outros precarios medios. Algo falla cando a propaganda convida a poñerse ó camiño, e a xente capta a mensaxe de que todos os camiñantes acharán albergue de moca con vitrocerámica e secadadora de roupa. Moitos días do ano eso será posible, máis en meses punta as autoridades locais van ter auténticos problemas para habilitaren pavillóns -inhabilitándoos para o deporte-, locais previsorios, (cun gasto imprevisto), ou para poder garantir que haxa auga para atender ás mínimas necesidades dos vilegos e dos viaxeiros... Esta é a lección pendente no labor de promoción e rexurdimento do Camiño Xacobeo, pois nada ou moi pouco se ten feito para que as pequenas localidades vexan ampliadas as súas dotacións para asumir as obrigas que xorden, e cada alcalde ten que botar man da improvisión para que chegados xullo e agosto haxa sitio para extender esterillas, contrar con papel hixiénico dabondo ou para que as billas permitan o lavado diario. Xa de antigo ven que as localidades do Camiño Francés tivesen que artellar medios para acoller ós peregrinos e coas propias aportacións, -non de outro xeito se sostiñan os históricos hospitais - ó tempo que se ve como se fan grandes concertos xacobeos ou actuacións de dubidoso sentimento, mentres que o alcalde de Triacastela ou o do Pino, poñamos por caso, teñen que tirar de cheque e queimar os miolos para darlles algo de contento ós grandes e medianos grupos que se botan de camiño planificando sobre o mapa as etapas, e levando, poño por caso, a sorpresa de que o río que en Morgade pensan pode valerlles para se bañar non é de verán máis que un regueiriño seco. E estas cousas pasan decote. E os alcaldes do Camiño teñen máis razón que santos cando andan a pedir a esmola da atención dos «lonxanos pensantes santiagueses». E ben pouco caso lles fan, por certo.