? profesora María Olga Varela opina que Gómez Ledo é un figura con méritos máis que suficientes para que se lle dedique algunha vez o Día das Letras Galegas. A maioría dos estudiosos consideran que a súa achega máis valiosa á cultura galega está nas súas traduccións de obras clásicas, pero o chantadino tamén escribiu as súas propias obras poéticas: Romanceiro compostelán (1926), Cancioneiro da Nosa Señora do Faro (1953), Poemas composteláns (1954) e Terra nai (1966). En opinión de Alonso Montero, «Gómez Ledo é un poeta estimable, aínda que desde logo non chega á altura de Rosalía ou de Curros Enríquez. O máis importante é que o seu espírito poético se aliou co seu dominio do latín, xa que esas dúas condicións son indispensables para traducir obras clásicas de tanta altura como as de Virxilio». A Eneida , escrita no século I antes de Cristo, é un dos cumios da literatura latina. É unha epopea que narra a caída de Troia, as viaxes do guerreiro Eneas e a fundación mítica dunha colonia troiana en Italia, da que supostamente descendían os fundadores de Roma. ? próximo mes de xuño cumpriranse 27 anos do pasamento de Avelino Gómez Ledo. A pesar do tempo transcorrido desde a súa morte, unha das obras máis importantes do escritor e sacerdote chantadino, a traducción da Eneida de Virxilio, permanece inédita. O manuscrito consérvase nos arquivos do mosteiro ourensán de Oseira, ó que a familia de Gómez Ledo confiou practicamente todos os documentos e papeis que este legou. O escritor e profesor Xesús Alonso Montero, que lembrou a existencia desta obra nun artigo publicado recentemente en La Voz de Galicia, considera que as institucións públicas deberían preocuparse por rescatala. «É unha pena que ese traballo estea aínda sen publicar, porque Gómez Ledo é unha figura moi importante no eido da traducción e ata agora non se fixo ningunha outra versión en galego da Eneida . Creo que o Concello de Chantada e a Deputación de Lugo deberían recuperar e editar esta obra, unha iniciativa que sería moi importante para a cultura galega e que custaría ben pouco diñeiro», afirma. «A verdade é que non entendo por qué as institucións gobernadas polo PP non se molestan en rescatar a este escritor, que non lles resultaría problemático pola súa adscrición política, xa que foi sempre unha persoa profundamente conservadora e de dereitas. Eu non simpatizo en absoluto coa ideoloxía de Gómez Ledo, pero creo que é unha figura destacada da cultura galega e que hai que esforzarse por recuperar e difundir a súa obra», agrega. Alonso Montero sinala que a figura do escritor chantadino saíu a relucir nun congreso de estudios clásicos celebrado en Santiago en setembro do pasado ano. «Algunhas das persoas que participamos nese encontro comentamos que é unha lástima que unha figura tan importante como a de Gómez Ledo estea hoxe case esquecida», afirma.