«As igrexas románicas poden ter sistemas automáticos de acollida»

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

Entrevista | Xosé Lois García O estudioso do románico da Ribeira Sacra suxire diversas iniciativas que ó seu xuízo poden axudar a preservar e a coñecer mellor os templos medievais

28 nov 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

? escritor chantadino Xosé Lois García, a punto de publicar un libro sobre o románico de Sober, cre que hai que insistir na necesidade de preservar este patrimonio e achega algunhas ideas que ó seu xuízo poden axudar a protexer e coñecer mellor as igrexas medievais da Ribeira Sacra e do resto de Galicia. - ¿Que usos cre que se lle poden dar á igrexa de Pesqueiras e a outras que están na mesma situación? -Querería matizar o que dixen anteriormente sobre o uso cultural da igrexa de Pesqueiras, porque é posible que se me interpretara mal. Non suxerín crear alí un centro cultural como os que hai en calquera municipio. O que quero dicir é que nestes templos onde non se fai culto relixioso debíanse realizar concertos de música sacra por Semana Santa, ou representacións teatrais de tipo relixioso, da época medieval e barroca. A igrexa de Pesqueiras ten unha nave e un presbiterio excelentes onde a sonorización está asegurada. Mais a esta igrexa fáltanlle outros acondicionamentos para estes mesteres, sobre todo un bo acceso. Non falo de algo estrambótico, senón de experiencias de moitos anos en igrexas románicas de Cataluña, Aragón e o sur de Francia, que coñezo e visito, onde polas festas de gardar se ofrecen repertorios musicais, teatro, poesía... todo relacionado co sagrado. Estas experiencias veñen dando froitos, cada ano atraen máis público e o rendemento económico que se obtén reverte no mantemento da igrexa. -¿Que medidas se poden arbitar para facilitar as visitas a estas igrexas? -O párrocos deberían convir cos concellos para que estes informen sobre a disponibilidade das igrexas para ser visitadas e os horarios de apertura. O primeiro que fai un visitador de igrexas, xa non digo un turista, é ir ó concello a informarse. As igrexas máis importantes debían ter un panel informativo sobre horarios e outros temas, para non facer perder tempo ós visitantes. Hai un exemplo a seguir no sur lucense, o do alcalde de Pantón, José Manuel Ledo, que se se preocupa de que haxa veciños atendendo as igrexas de Eiré, Pombeiro e Atán. As igrexas ailladas e pechadas ó culto, como a de Pesqueiras, tamén poden ter sistemas automáticos de acollida para facilitar as visitas, como os que xa se usan en diversos lugares do Pirineo catalán e aragonés, en Francia e outros países. Con estes sistemas, os visitantes poden abrir as portas, recibir explicacións gravadas e mesmo escoitar música clásica con só depositar unhas moedas. -¿Quen debe velar para que estes monumentos no caian no abandono? -En primeiro lugar, a Igrexa, porque estes monumentos son patrimonio seu. En segundo lugar, no caso de ser monumentos nacionais ou similares, Patrimonio ten o deber de pór tódolos medios medios teóricos e prácticos ó servicio da conservación deses templos. Os concellos tamén poden achegar elementos capaces de mantelos nun contexto cultural, editando folletos e informando sobre a súa localización. E as asociacións de veciños deben velar polo patrimonio que hai no seu espacio de acción. Todos podemos ser coñecedores e defensores do románico.