A voltas co feísmo urbanístico

FLORA ENRÍQUEZ

LEMOS

LA TRIBUNA | O |

03 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

HAI DÍAS nos medios de comunicación o sociólogo Salvador Giner declaraba que «Visitar las Rías Baixas es llorar». Sorte tivo este catalán de non viaxar ó interior de Galicia, e moi especialmente ó sur da provincia de Lugo. Non teño dúbida de que quedaría abraiado ante o descontrol urbanístico e a desfeita do patrimonio natural que padecemos. Aínda que o tema do feísmo urbanístico estase a tratar dende hai anos en congresos, conferencias e coloquios, as nosas autoridades semellan non enterarse, por iso quero felicitar ó Concello de Monforte por poñer en marcha un plan de rehabilitación do casco antigo e das marxes do río Cabe, e que inclúe, o que considero de gran importancia, unha oficina técnica de asesoramento ós veciños interesados no mesmo. Monforte posúe unha infraestructura patrimonial envidiable para ser unha cidade fermosa. Sei que hai arranxos e remodelacións que non teñen volta atrás, pero salvemos o que nos queda, porque a salvagarda do contorno é tarefa de todos. Agardo que todo isto sexa imitado polos outros concellos da comarca da Terra de Lemos. Gustaríame velo e disfrutalo a medio plazo.