«Se non fas as cousas, non te podes equivocar»

C. de la Torre CHANTADA

LEMOS

Entrevista | Manuel Diéguez Carballo Este edil asegura que os asuntos do Concello lle ocupan ata catro horas diarias

22 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

O trato continuado coa prensa non parece unha das cousas que máis lle estea custando asumir a Manuel Diéguez. Durante a entrevista administra conscientemente a información e resolve que hai proxectos que «xa irei contando». Este veciño de Chantada é con 30 anos o responsable das áreas de Cultura e Medio Ambiente, entre outras, do novo equipo de goberno local. Dous meses despois das eleccións acumúlanse o traballo e os proxectos, pero el asegura estar moi ilusionado. -O seu bautismo na vida política local foi a organización dos festexos, non está mal... -Ben, eu botei unha man pero a organización recaeu na comisión de festas que eu integro pero que toma as decisións en equipo. Así que tanto os méritos como as culpas son para as tres persoas que a conformamos. -¿Están satisfeitos do programa? -Sí. É moi difícil contentar a todo a mundo pero creo que co pouco tempo que tivemos non está nada mal, hai actividades moi diversas e concertos importantes. Haberá xente descontenta pero se non fas as cousas non te podes equivocar. -Ademais de Festexos vostede ocúpase de Cultura, Medio Ambiente, Xuventude e Turismo ¿Quédalle tempo para algo máis? -A verdade é que estas semanas estoulle adicando unha media de tres ou catro horas diarias ós asuntos do Concello. Axúdame o feito de que traballo nunha empresa familiar e teño un horario flexible. Confío en que o resto do ano sexa algo máis tranquilo porque agora teño moi pouco tempo libre. -¿Cales son os proxectos máis inmediatos? -No área de Medio Ambiente, o primeiro vai ser aplicar a ordenanza do censo de cans que leva tempo aprobada e atender a subvencións que se están deixando pasar. Sempre hai que facer. -Sobre todo no eido cultural con tantas asociacións que ten Chantada, ¿non? -Claro, o noso obxectivo é ter actos durante todo o ano, sobre todo nos festivos, e para iso tentaremos unha colaboración moi activa cas asociacións da vila.