Novos tempos para a vella lírica

C. de la Torre MONFORTE

LEMOS

Reportaxe | A homenaxe ó trobador medieval Xohán de Requeixo O próximo 10 de agosto, o Monte Faro acollerá un acto de recoñecemento do legado deste xoglar do século XIII

21 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

«Madre, con Johan de Requeixo hei andar». Álvaro Cunqueiro titulou así un poema nos anos cincuenta do século pasado. Eran mostras do movemento literario coñecido como neotrobadorismo. Unha rúa de Chantada recibiu por aquela época o nome do xoglar de Requeixo, e Manuel María, Uxío Novoneyra e o propio Cunqueiro achegáronse para participar desa pequena homenaxe ó máis importante trobador medieval do sur de Lugo. Cincuenta anos despois, Xohán de Requeixo volta ó Monte Faro tallado sobre cinco monolitos. O domingo 10 de agosto, o poeta recibirá unha homenaxe á altura do seu legado literario e histórico. Alborada con gaitas, recital poético, xantar popular e actuacións de grupos de folk para inaugurar os pedróns cas cinco cantigas nas que Xohán menciona o Monte Faro, a Virxe ou a súa ermida. Os actos comezarán as 11 da mañá e haberá un servicio de autobuses que sairán as 10 horas da casa do concello. A financiación corre a cargo do Concello e empresas locais. Cultura e memoria Instrumentación medieval, poesía, grupos de folk, poetas galegos e portugueses... Letras e sons cunha cualidade artística común, a memoria como fonte de cultura. Novos tempos para a vella lírica dun trobador da parroquia de Requeixo quen, hai case oitocentos anos escibía: «Foi eu, madr¿, en romaría/ a Faro con meu amigo/ e venho del namorada/ por quanto falou comigo».