Un total de 12.647 persoas repartidas entre Europa e América, conservan o dereito a votar na zona Crece o número de descendentes de expatriados que toman o camiño de volta
03 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.?asadas varias décadas desde que finalizaron as grandes vagas migratorias, a mediados dos anos 70, a poboación emigrada do sur lucense segue tendo unhas dimensións considerables. Segundo os datos do censo das pasadas eleccións, actualmente hai un total de 12.647 persoas naturais dos dezaoito municipios da zona con dereito a voto. A cifra acércase ó volume de poboación de Sarria -actualmente de 13.053 personas-, o segundo municipio en número de habitantes despois de Monforte. Polo que respecta á distribución xeográfica, non resulta fácil determinar en que proporción están repartidos todos estes emigrantes polos diversos países de acollida de Europa e América. Os datos oficiais do Cera (Censo Español de Residentes Ausentes) que indican os lugares de residencia non son dominio público. Nos concellos tampouco é posible recabar datos sobre os puntos de destino dos emigrantes oriundos de cada lugar. Con esta dificultade teñen tropezado algúns investigadores, como Rosa López, que prefire non falar de cifras a este respecto. De Suíza e de Arxentina Aínda que sexa difícil esclarecer este punto, a procedencia xeográfica dos emigrantes está a ter actualmente un peso moi importante no fenómeno do retorno. Ana María Sánchez, presidenta de recén creada asociación de retornados de Monforte -a única da provincia- sinala que «os que veñen de Europa, de Suíza sobre todo, son persoas xubiladas que traen todo solucionado e que cobran boas pensións dos países onde traballaron». Os que proceden de Iberoamérica, en cambio, son persoas de tódalas idades que foxen das crises económicas e sociais e veñen en moitos casos a buscar traballo. Polo que respecta á xente nova, Ana María Sánchez destaca o seu alto nivel educativo. «Practicamente todólos mozos que temos na asociación teñen carreira universitaria, pero agora están facendo traballos que están moi por debaixo da súa formación», explica. O colectivo que preside iniciou a súa actividade cuns 70 socios o pasado día 17 e desde entón xa incorporou a algúns novos integrantes. As cifras de socios deste colectivo previsiblemente experimentarán un forte incremento nos próximos meses, segundo so seus responsables. «Está chegando moita xente, sobre todo de Arxentina e Venezuela, pero tamén doutros países, como Brasil ou México, e cada semana aparecen novos casos», sinala Ana María Sánchez. O colectivo celebra reunións tres días por semana no seu local da praza de Abastos -os martes, ás 18 horas; os mércores, ás 10.30 horas, e os xoves, as 16 horas- co obxectivo de orientar ós recén chegados.