FORO ABERTO
21 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.HABERÁ QUEN CREA, e o diga, que os chamados independentes son unha nova edición de Chantada Nova e que esta situación é comparable a aquela. Nada máis contrario á realidade. Vexamos. 1. Chantada Nova era unha aposta pola unidade. Adiantouse á unidade do nacionalismo no resto do país. Integrou á xente de EG antes ca ninguén, e a moitos independentes e xentes que viñan da esquerda estatal. Xusto o que despois fixo o BNG en Galicia. A nova escisión é unha aposta pola ruptura e pola división. 2. Chantada Nova xuntaba a xentes que sempre se partiran o corpo e a alma intentando derrotar á dereita. Para eles eran os primeiros postos, porque eles eran os que tiñan experiencia demostrada. Os novos independentes relegan a tódalas persoas con formación a postos irrelevantes e mesmo a causa da ruptura semella ser esa: impedir como sexa que Fernando vaia en postos de saída e entregar o proxecto do BNG a recén chegados. E todo esto en nome da renovación. ¿Pero... que renovación? 3. Renovar a quen traballa, a quen cumpre, a quen é serio, a quen prepara os plenos e sabe dos temas dos que fala, a quen pon en apretos ó PP, a quen ten maior formación, é incomprensible. Ou mellor dito, está ben se se vai poñer no seu lugar a outro aínda mellor formado. Pero podemos preguntarnos ¿está o señor Boán mellor preparado ca Fernando ou ca calquera outro dos que ían na lista? É curiosa a renovación que consiste en poñer a quen en todos estes anos non deu un paso. 4. Chantada Nova era a democracia, a participación, o respecto ás decisións da asemblea. A escisión nova non. Porque, que eu saiba, houbo unha votación democrática con dúas listas e a votación quedou empatada. E o único que se podía facer era unha lista intercalando os compoñentes de ambas. Eso sería democracia, respecto polos compañeiros e tolerancia. Rachar a baralla cando un non gana e rachar unha organización porque un non impón as súas teses é antidemocrático. Chantada Nova naceu para defender a democracia interna, dicindo coa boca grande que no BNG non a había. Pois agora onde non a hai é nos chamados independentes. 5. A actitude dos independentes lembra, desde fóra, á dun abordaxe. ¿Que podemos pensar de quen se enrola como tripulante e ós tres días provoca un motín, facéndose dono do barco e abandonando nunha chalupa ós oficiais? ¿Non será que alguén viu o bergantín do BNG cargado de votos e decidiu facerse con ese tesouro? ¿E que pensar dun capitán que se pon ó servicio dos piratas? 6. Chantada Nova era o nacionalismo e substituía de feito ó BNG. A nova escisión non o é, non se presenta como nacionalista, porque non o é. O nacionalismo en Chantada é a lista de Fernando, o BNG. E BNG só hai un. A lista independente é só localista, e con eso hoxe non se vai a ningures. É unha lista sen prespectivas que de xeito ningún pode arrebatar o lugar do BNG. Chantada Nova foi un instrumento para poñer de xeonllos e pedindo papas ó PP. E precisamente cando algunhas enquisas agoiraban a derrota de PP e lle daban maioría ó BNG, aparece esta escisión que inconscientemente favorece a un PP derrotado e sen ideas que, agora, paradoxicamente, gracias ós renovadores, pode sobrevivir. Pero se o candidato máis traballador, máis capacitado e máis informado é o que merece ser alcalde, quen merece ser alcalde é Carlos Fernando Varela.