Os alumnos do Colexio Novo monfortino engadiron un novo capítulo á narración iniciada por Lois Diéguez, na que colaboran diversos centros educativos
30 abr 2003 . Actualizado a las 07:00 h.Os alumnos do Colexio Novo de Monforte engadiron un novo capítulo -e xa van once- a Unha historia de Lemos , a experiencia literaria e educativa que promoven o Centro Comarcal Expolemos e La Voz de Galicia. Esta vez, a redacción correu a cargo dos alumnos Diego , Iván , David , Lara , Jonatan , Vanes a, Leticia , Joel , Rocío , Brais , Marta , Darío , Eva , Telma e Olalla . O texto foi ilustrado por María e Seila . O anterior capítulo da narración iniciada polo escritor Lois Diéguez foi escrito polos alumnos do colexio público de Sober, que imaxinaron máis aventuras da moza Eimer e dos seus amigos nunha Terra de Lemos mítica, ameazada pola invasión dos Ianqs ou señores da guerra. Ó remate do décimo episodio, os protagonistas celebran unha festa en Cadeiras cando aparece o máxico cabalo Bern cunha mala noticia. E así é como prosegue a historia, agora contada polos alumnos do Colexio Novo. «Os Ianqs seguían asediando o Castro Dactonium e os seus habitantes, os Lemavos, non podían resistir máis, pois faltáballes comida e auga. Corna (Corniña), un prateiro vello e moi valente, saiu ó anoitecer pola Porta do Cárcere Vello e avisou ó cabalo branco Bern, que andaba trotando polo val, para que fora en busca do Mago Fins e do príncipe David. Atopounos en Cadeiras (Sober), e unha vez que lles deu a noticia, partiron cara ó alto de Rozabales. Alí, unha vez reunidos tódolos veciños, o Mago Fins pediulles que fosen ata as Adegas de Vilachá e lle trouxesen viño para mesturalo con rabos de lagartixa e cornos de caracois, para facer unha pócima coa que converter ós Lemavos en águias e así poderían fuxir dos seus inimigos. A encargada de leva-la pócima era a águia Luma, que os guiaría ata Camporrío, un lugar moi fermoso situado á beira de dous ríos: o Mao e mailo Cabe, onde ó se bañaren, volverían a ser persoas. Cando os habitantes de Camporrío souberon que estaban alí, trouxeron empanadas, os da Parte, chourizos e os de Proveiros saborosas filloas e larpeiras. Tamén baixaron os de Valverde, Remoín e Ribasaltas con gaitas e tambores. Despois de cear, fixeron unha animada festa, na que cantaron e bailaron ata o amencer. Cando os primeiros raios de sol os iluminou, Eimer e Cernún, foron a bañarse nas cristaíñas augas do río Mao. Namentres isto ocorría, o príncipe David e o Mago Fins, subiron ó alto do Cornado e alí viron algo que os aterrou...».