De candidatos a teólogos

La Voz

LEMOS

A TRIBUNA FRANCISCO ALBO | O |

23 abr 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

NO MEDIO do fragor preelectoral, acaba de producirse en Monforte unha disputa que calquera forasteiro recén chegado e pouco informado podería confundir facilmente cunha discusión entre teólogos católicos e protestantes do século XVI. Un dos aspirantes á alcaldía recrimina a outro aspirante por mostrar pouca devoción cara á Virxe -a Virxe de Montserrat, en concreto- e por non asistir á unha ofrenda relixiosa celebrada en honra da Nosa Señora. O outro aspirante, pola súa parte, promete suprimir do calendario oficial a festividade da referida Virxe en caso de que chegue a ocupar o poder. Este duelo de opinións, efectivamente, parece un calco das tremendas liortas dialécticas que mantiveron no seu día Lutero e o papa León X en torno á santidade da Virxe María. Se os debates entre os candidatos continúan por este camiño -tendo en conta todo o que queda aínda de campaña- cabe esperar que acaben por discutir sobre o carácter divino da eucaristía ou a predestinación das almas, en vez de falar dos índices paro ou do famoso porto seco.