?uis Fernández Ojea será o cuarto en disputa en Bóveda. Vai encabezar a candidatura de Iniciativa Galega neste concello, e competirá coas do PP, Bloque e PSOE. Propietario dunha funeraria en dun hostal, cré que o aínda por encher polígono industrial de Bóveda é o exemplo que serve para describir a situación deste municipio, encravado a un paso de Monforte e outro de Sarria. -¿É a primeira vez que se presenta a unhas eleccións? -Como candidato á alcaldía si, pero no ano 1987 xa fun na lista do CDS. -Segue vostede no centro. -Só teño unha chaqueta, efectivamente. -¿Que quere que cambie en Bóveda? -O Concello de Bóveda leva vinte anos parado. Temos un polígono industrial valeiro, e iso é porque todo son atrancos para os que queren investir aquí. Eu mesmo, logo de ir na candidatura do CDS tiven que sufrir unha persecución en toda regla dende o Concello. E, dende logo, o meu non é un caso único. -¿Que tal se leva co actual alcalde? -Pois mire, a verdade é que non o coñezo porque á alcaldía non se dedica. -¿Que resultados confía en obter o 25 de maio? -Penso que os resultados serán bos. A xente en Bóveda é consciente de que aquí dende o Concello non se goberna. -¿Xa teñen a candidatura pechada? -Si, e ímola presentar axiña. Estou convencido de que será a mellor candidatura das que se presentarán nestas eleccións. Levamos xente con preparación sobrada para tirar do carro deste concello, que é do que ó final se trata.