Os candidatos do PP repiten en case tódolos municipios da comarca

LEMOS

Olga Iglesias, en Triacastela, será a única nova cabeza de lista popular Os socialistas renovarán as súas candidaturas en Samos, O Incio e Láncara

12 feb 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

? ? Partido Popular é por agora a única formación política que xa escolleu ós seus aspirantes a alcalde en toda a comarca de Sarria. Na última reunión do comité provincial do partido acordouse que os cabezas de lista nestes municipios -en Sarria xa estaba confirmada hai tempo a candidatura de Fernando Carlos Rodríguez- serán os mesmos que nas últimas eleccións en tódolos casos, excepto en Triacastela, onde o anterior candidato, Bautista Arias Pombo, será substituído por Olga Iglesias Fontal. Triacastela é o único concello da zona, ademais de Sarria, onde o PP non ocupa actualmente a alcaldía. Nos demais casos -Paradela, Samos e O Incio-, os candidatos xa levan varias lexislaturas gobernando os seus respectivos concellos, ó igual que o alcalde de Portomarín, Eloy Rodríguez, que tamén aspirará de novo á alcaldía.Pola súa parte, o PSOE afirma ter decidido a práctica totalidade das súas candidaturas, pero de momento prefire non dar nomes. O secretario local socialista de Sarria, Miguel Ángel Fernández, adiantou non obstante que este partido ten previsto renovar os seus cabezas de lista nos concellos de Samos, O Incio e Láncara. «As candidaturas serán escollidas en todos estes municipios polas agrupacións locais, sen ningunha intervención por parte doutros órganos do partido», afirma Fernández. A candidatura de Samos é a única da zona que todavía non está decidida. Poucos cambios no BNG As listas definitivas do Bloque Nacionalista Galego non estarán confeccionadas ata finais de marzo, segundo o responsable comarcal da formación, Xesús Méndez, quen afirma que «por agora non está nada decidido». Os representantes do BNG de Sarria, sen embargo, consideran que no Concello de Paradela podería presentarse un novo cabeza de lista, mentres que nos demais municipios é probable que repitan tódolos candidatos. En canto ó cabeza de lista de Sarria, terá que estar escollido para a semana próxima, segundo os representantes locais da formación nacionalista.