Segundo os populares, os roubos en garaxes e as liortas nocturnas son os maiores problemas
04 feb 2003 . Actualizado a las 06:00 h.? Partido Popular quere que o Concello de Sarria tome as medidas necesarias para atallar o incremento da inseguridade cidadá que, ó parecer deste grupo, se está producindo no municipio nos últimos meses. Os populares sinalan a este respecto varios casos de roubos rexistrados en automóbiles estacionados en garaxes particulares da vila e unha serie de liortas que se teñen producido recentemente nas rúas onde se ubica a maioría dos locais de copas. «Ultimamente non só houbo roubos de obxectos dentro dos coches, senón que tamén teñen levado algún automóbil», di Manuel Flores, responsable de comunicación do partido. Polo que respecta ós incidentes nocturnos, «esta última fin de semana algún deses sucesos na zona da movida chegou a ser bastante serio e parece ser que os responsables eran xente de fóra», afirma. Os representantes do PP reclaman a creación dunha xunta local de seguridade para coordenar as actuacións da Policía Local e da Garda Civil e opinan que o Concello non conta aínda cun organismo deste tipo debido á «deixación» da alcaldía. A este respecto, recordan que o pasado verán xa presentaron ó pleno unha proposta neste sentido. «O grupo de goberno mostrouse de acordo con que había que crear a xunta de seguridade, pero hoxe segue sen constituírse», sinala Flores. Medios policiais Por outro lado, os populares afirman que a Policía Local non dispón de suficientes medios para facer fronte ás necesidades do municipio en materia de seguridade. «A policía fai o que pode, pero está claro que ten unhas limitacións importantes de persoal e de material que lle impiden levar a cabo o seu traballo con toda a eficacia necesaria», afirma Manuel Flores. «Nos últimos catro anos, o Concello non se preocupou de crear nin unha soa praza nova de policía municipal, cando noutras áreas si se crearon novos postos», agrega.