Meigas e Trasgos afirma que o mal tempo aconsellou cancelar o tradicional desfile de Reis Os actos foron trasladados á Casa de Cultura sen avisar previamente ós veciños
06 ene 2003 . Actualizado a las 06:00 h.A agrupación socialista de Sarria considera que o goberno local é o responsable último da suspensión da cabalgata de Reis, que non chegou a celebrarse o pasado domingo, e pide que se tomen medidas para impedir que esta situación se repita no futuro. O secretario local do PSOE, Miguel Ángel Fernández, entende que o Concello debería encargarse directamente de organizar a cabalgata, pero tamén aceptaría que esta seguise a cargo dunha asociación «sempre que se asuma firmemente a responsabilidade de levar a cabo o desfile». O PSOE opina que as condicións meteorolóxicas que se deron na vila o día 5 non xustificaban a suspensión do acto e critica o feito de que non se anunciase con suficiente tempo ós veciños que os actos da festividade de Reis se trasladarían á Casa de Cultura, como finalmente se optou por facer. A visita dos Reis Magos a este local, por outro lado, tampouco foi preparada de forma adecuada, segundo os socialistas sarriaos. Explicacións A directiva da asociación Meigas e Trasgos, pola súa parte, cre que a suspensión da cabalgata foi a medida máis acertada que se podía tomar á vista das previsións meteorolóxicas. Os responsables da asociación sinalan que ás once da mañá xa se soubo que o centro ecuestre Camiño de Santiago non facilitaría os seus cabalos para o desfile debido ó mal tempo e que foi á unha da tarde cando se acordou cancelar a cabalgata. «Temos que admitir o fallo de non avisar á xente que os actos se levarían para a Casa de Cultura. Encargamos un coche para que o anunciase polas rúas cun altofalante, pero este vehículo non chegou a saír por motivos alleos á asociación», puntualizan a este respecto. En canto ó estado do tempo, a presidencia de Meigas e Trasgos engade: «Na cabalgata participan nenos, os traxes que levan os participantes son custosos e as carrozas son fráxiles, polo que non nos puidemos arriscar a desfilar con chuvia»,