As actividades da escola obradoiro de Sarria foron clausuradas onte cun acto celebrado en Calvor Manuela López Besteiro entregou diplomas a medio centenar de alumnos
03 ene 2003 . Actualizado a las 06:00 h.A entrega de diplomas ós alumnos-traballadores por parte da conselleira de Familia e un aperitivo servido xunto á igrexa de San Estevo de Calvor serviron onte para clausurar oficialmente as actividades da escola obradoiro Camiño de Santiago. Previamente, a conselleira visitou algunhas das cinco obras realizadas pola escola en diversos puntos do Camiño Francés. O acto terminou nun ambiente animado, aínda que unha abundante chuvia obrigou a todos os presentes a gorecerse debaixo dun toldo, onde foron servidas unhas racións de churrasco e chourizo. Os alumnos e profesores non contaron só coa presencia de Manuela López Besteiro, xa que no acto participaron tamén diversos membros da corporación de Sarria, entre os que estaban o alcalde, Claudio Garrido, e o portavoz do Partido Popular, Fernando Carlos Rodríguez. O seu director, Roberto López Piñeiro, declarouse moi satisfeito do labor realizado durante os dous de anos de funcionamento da escola obradoiro. «Estou moi contento de todo, tanto do resultado das obras como da actitude dos alumnos e da forma de traballar do resto do equipo», explicou. Non obstante, Roberto López considera que a rehabilitación do entorno do Camiño de Santiago está moi lonxe de rematar no territorio do municipio de Sarria. «Hai moitísimos elementos do patrimonio que están por restaurar e hai traballo suficiente para ocupar a outra escola como esta durante moito tempo», comentou a este respecto.