A productora Saluga Films proxecta realizar cinco películas e unha montaxe teatral A firma pretende crear no municipio un viveiro de actores para as súas iniciativas
16 sep 2002 . Actualizado a las 07:00 h.A Cando se cumpren tres anos da súa creación, a productora Saluga Films intenta levar a cabo unha serie de proxectos cos que pretende que Sarria chegue a destacar como un importante centro de producción audiovisual e teatral. «Ó que queremos facer en Sarria eu chamaríalle un campo cinematográfico , ou sexa, un lugar onde poidan recibir formación dramática as persoas interesadas en ser actores e onde tamén poidan encontrar os seus primeiros traballos», explica Ramón Díaz Lorente, Radilo , un dos promotores desta iniciativa. A productora está embarcada actualmente na realización de varios proxectos audiovisuais -tres curtametraxes, dúas longametraxes e un vídeo sobre a comarca sarriá- e espera recibir axudas económicas da Consellería de Cultura para levalas a cabo. Paralelamente, Saluga Films puxo en marcha unha escola de arte dramático que para este curso xa ten inscritos 22 alumnos. As clases son impartidas desde o pasado día 9 na Casa do Marqués pola profesora Ana Prieto Arias e en breve prazo desenvolveranse tamén en Lugo. «Proxectamos ademais abrir unha delegación para dar clases en Monforte, porque temos varios alumnos desa zona», sinala Ramón Díaz. Os alumnos formados nestes cursos terán ocasión de participar nos proxectos cinematográficos da productora. «Morte dun viaxante» Á marxe da súa escola dramática, os responsables de Saluga están a buscar persoas que xa teñan experiencia na interpretación teatral para montar unha versión da obra Morte dun viaxante, do dramaturgo norteamericano Arthur Miller. «Queremos xente un pouco experimentada porque pretendemos montar esta obra canto antes, a ser posible en xaneiro. Presentarémola na Casa de Cultura de Sarria con entrada gratuíta e despois imos levala a outras localidades», sinalan os responsables do proxecto. Tanto no que respecta á escola como á montaxe teatral, a productora está disposta a acoller aspirantes a actores non só de Sarria ou da provincia, senón de toda Galicia. «Por este motivo o noso acrónimo significa Sarria, Lugo e Galicia », explican. Ramón Díaz, que encabeza a asociación responsable da productora xunto con outras persoas oriundas da comarca, sinala que leva vinte anos planeando este proxecto, no que se levan investidos aproximadamente 27.045 euros. «A productora é unha iniciativa innovadora pero moi custosa», afirma. A pesar das dificultades con que teñen tropezado para poñela en marcha, os promotores de Saluga Films non ocultan as súas ambicións. «Pretendemos dedicarnos a todo o que teña relación coas ciencias cinematográficas, que son como unha árbore con moitas ramas. Iremos pouco a pouco, pero a nosa intención é crear un centro de formación e de producción tan variado como Hollywood», proclama Díaz.