Non querer ver a realidade

La Voz

LEMOS

01 ago 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

QUERO EXPRESAR a través destas liñas a miña tristura ó ver o estado de absoluto abandono no que se atopa este pobo e que os señores ¿gobernantes? consinten e non tratan de poñerlle solucións. Cando unha persoa chega a Monforte despois de botar algún tempo fóra, atópase coa imaxe lamentable dun muncipio deixado da man por parte dos responsables do Concello, incluído o alcalde como máxima autoridade local, que ten que ver e coñecer a situación. Debería, en vez de estar sentado na súa poltrona, darse de cando en vez unha volta por Monforte adiante e non tan só polos tan aseadiños xardíns da Compañía. ¿Ou o resto do Concello non é Monforte? O concelleiro de Medioambiente debe velar polas condicións medioambientais do municipio. ¿Non coñece que para poder pasear por certas rúas, case fai falta poñer unha mascarilla ó pasar preto dos contenedores polo cheiro putrefacto que desprenden? ¿Con que perioricidade os lavan e fumigan? Seguro que algúns deles leva varios meses sen lavar. ¿E que me pode contar o Sr. Alcalde da cantidade de lixo en certos xardíns? Vostede ten que saber se a empresa encargada do servicio de limpeza cumpre coas súas obrigas, pero, polo que se ve, pasa olímpicamente do tema porque o que menos lle preocupa é o benestar dos veciños que se ven obrigados a vivir no lixo pola súa deixadez e a do concelleiro de turno. ¿Que impresión dan vostedes non son capaces de saber que a fonte da Praza de España non bota auga dende fai meses? A propósito, ¿cantos meses levan deitados no río Cabe os arbores que fican entre o malecón (pobre malecón) e a Ponte Nova? Sinceramente, sinto vergonza allea.