Severino Rodríguez Díaz, responsable do consello comarcal do BNG Severino Rodríguez Díaz vén de ser elexido novamente responsable do consello comarcal do BNG, que por vez primeira pon en práctica a cota feminina e aposta por traballar máis perto da mocidade. Na antesala dun novo proceso interno que rematará coa elección do candidato á alcaldía, sostén que en Monforte houbo cambios no escenario político que permiten pensar nun relevo no goberno local. Nesta etapa, Severino Rodríguez non renuncia á autocrítica e recoñece sen rodeos que os erros do BNG nos últimos oito anos propiciaron a maioría que disfruta o Partido Popular en Monforte.
08 jun 2002 . Actualizado a las 07:00 h.A asemblea que preside Severino Rodríguez representa ás agrupacións do BNG nas comarcas de Monforte, Chantada e Quiroga, e no Incio. -A súa candidatura obtivo apoio unánime, coa salvedade dun voto en branco. -Que na asemblea anterior houbese tres listas e nesta unha é sinal de máis unidade. -¿Tamén dun «pensamento único»? -Non hai un pensamento único, hai diversas sensibilidades. Entre todos valoramos que nesta etapa que se inicia despois da asemblea nacional as cousas en común son máis que as que nos separan. -¿Que cambiou neste último ano para descubrir eses elementos comúns? -Por un lado, valorouse que a existencia de varias listas nunca é positiva, o que non quere dicir que sexa negativo que haxa varias formas de pensar. Asumimos que para a organización o mellor era reunir todas as sensibilidades nunha candidatura única. Penso que tamén cambiou a maneira de entender as cousas de determinadas persoas, houbo un esforzo por parte de todos para buscar consenso. -Pero o portavoz municipal non entrou na lista. -Eu propuxen a presencia do portavoz municipal en Monforte, que foi aceptada por todos os integrantes do consello comarcal. Pero ó final non se fixo realidade. -¿Por que motivo? -Non son quen para dicilo. -Na nova asamblea comarcal vense caras novas. -Nun grupo de dezanove persoas, hai un 40% de mulleres e catro xóvenes de menos de 26 anos. Unha gran deficiencia do BNG aquí estaba no achegameno á mocidade. Para o traballo diario e o relevo xeracional, é vital a xente moza. -¿Son os dous concelleiros do BNG o seu tope electoral en Monforte? -Baixo ningún concepto. Nós aspiramos a gobernar. -¿Cando comezará o proceso para elexir candidato á alcaldía? -Rematamos un proceso de elección interno e a partir do día 12 de xuño está prevista unha visita á comarca da executiva nacional. Logo comezará o periodo de elección dos candidatos ás municipais. Por norma o cabeza de lista será proposto á asemblea polo consello local. Se esta o acepta, será ratificado logo polos consellos comarcal e nacional. -¿Sería bó que nas municipais houbese tamén candidatura única? -Penso que si, pero son procesos independentes. Poderá haber máis dun candidato. -¿Podería ser vostede un dos aspirantes? -Agora mesmo as formas teñen moita importancia. Rematou un proceso e non é o momento de pronunciarse sobre este tema. Correspóndelle á organización facer a proposta. -¿Por que non pasaron nás últimas eleccións de dous concelleiros en Monforte? -Nos últimos oito anos, o BNG cometeu importantes erros que facilitaron a maioría absoluta do PP. As persoas con responsabilidades na organización pensamos que a práctica política dos dous últimos anos e coa xente que se está achegando a nós pódese formar un equipo que axudará ó candidato a subir a nosa representación e que o PP perda a maioría.