HAI QUE ROELO

La Voz

LEMOS

TRIBUNA PÚBLICA

15 abr 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Como membro da comisión de veciños «pro auga» quero respostar ó aínda alcalde de Monforte para dicirlle que sentín noxo ó ler as súas declaracións criticando a apertura dunha tal oficina clandestina do BNG ¿En que ano pensas que vives? Tes que saber, alcalde, que esa oficina é o baixo dunha casa da miña propiedade situada no número 24 da rúa Corna. E por ser miña imaxino que poderei facer con ela o que mellor me parece. Por ese motivo a puxen ó dispor desta comisión ¿Moléstache? Téñoche que dicir o que significa a palabra clandestina porque se ve que non o sabes. Clandestino é algo secreto e oculto, pero este local está á vista de todos. Nel reunímonos a comisión e atendemos as queixas (centos, por certo) dos recibos da auga e escoitamos as protestas dos veciños hacia ti. Isto é algo que noutros tempos non consentirías, pero que hoxe, como moitas máis cousas, tes que roer. Como vexo que es fráxil de memoria téñoche que dicir por enésima vez que esta comisión non está dirixida por ningún partido nin sindicato. Para ti é o BNG o que dirixe a esta comisión, porque ti ó BNG se ve que o tes nas túas orellas como rival político, e entón se algo se move en Monforte para ti é o BNG. «A los vecinos los engañan». «A los vecinos los manipulan» ¿Pero ti tes sentido do ridículo? Pensas que se pode engañar a unha persoa adulta así de fácil... Levamos recollidas miles de firmas, e facémolo porque os veciños queren firmar. Así de sinxelo. Son os propios veciños os que veñen cos recibos e firman contra a túa xestión. A túa paranoia e ignorancia non che permite ver máis aló da punta do nariz. De aí as túas declaracións sen sentido. Un chorro de auga ó aire. Eu, un home xa vello, pídoche respeto para o pobo. ¿Sabes o que é iso? Cando ti dis que engañamos ós veciños estás a dicir que son parvos, que non saben o que firman: Pero son os que cos seus impostos contribúen a que ti cobres a fin de mes. Espero que a historia e o pobo que ti tanto desprecias te poñan no teu lugar. Julio Pérez Pérez. Monforte.