CARLOS CORTÉS A ENTREVISTA Lomarti, escultor y colaborador en la organización del Certame de Contos Ultralixeiros de Chantada ¿É serio un concurso literario de relatos armados con só trinta palabras? En Chantada din que si. O Certame Mundanal de Contos Ultralixeiros de Chantada chega este ano á súa cuarta edición, e dá a impersión de estar consolidado como cita para os amantes da expresión curta pero intensa. O escultor Lomarti participa activamente na organización, e fará tres pezas que serán entregadas ós gañadores xunto con varias cestas de cereixas tempraneiras.
27 mar 2002 . Actualizado a las 06:00 h.O concurso chantadino de contos ultralixeiros está organizado pola asociación cultural Alemparte e o Café das Artes. A súa curta vida deu para unhas cantas emocións, escándalo de plaxio incluido. -Cando se soubo que o relato que gañou o primeiro premio da segunda edición era un plaxio houbo quen deu por fenecido o concurso. -Aquilo foi unha anécdota allea á organización. Esas cousas pasan ata no premio Cervantes. Un sempre está exposto a que o plaxien e a plaxiar. -O premio do ano pasado foi un chuletón de kilo e medio ¿Este concurso vai en serio? -Vai moi en serio, humor e ironía incluídas. A seriedade nunca está reñida co humor. Eu penso máis ben que o humor sempre é serio. -¿Vense organizando a edición número vinte? -¿Por que non? E se non son o Café das Artes e a asociación Alemparte que sexan outros os que collan o testigo. -Chantada ten unha intensa vida cultural, cos seus piques incluídos, pero as iniciativas soen ter un recorrido curto. -Efectivamente, aquí hai iniciativas e hai xente que se move. Isto é como unha carreira ciclista, con constantes intentos de escapada que acaban por fracasar porque fallan os folgos e non hai apoio de equipo. Falta equipo porque non hai un interese real das administracións públicas. -Os premiados deste ano levaranse por primeira vez unhas esculturas súas. -Os premios deste ano pagaranse en cereixas e con unha peza miña para cada un dos tres premiados. Ó primeiro premio correspóndelle 1,5 ferrados de cereixas tempranas de Chantada, que son moi boas e están moi cotizadas.