TRIBUNA PÚBLICA
30 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.Nalgúns periódicos apareceron recentemente unhas declaracións feitas polo rexedor de Monforte sobre a aceptación de suxerencias ó Plan Xeral de Ordenación Municipal que tivasen «sentido común». Se un documento no que se establecen as bases do planeamento urbanístico do municipio carece en moitas das súas partes de sentido común, parece de «sentido común» que sexa retirado e se tramite de novo, e con «sentido común». A asociación de veciños Virxe de Monserrat presentou unha suxerencia sobre o acceso á estrada N-120 que figura no citado Plan Xeral. A suxerencia foi rexeitada (non temos comunicación oficial ó respecto, pero si temos outras declaracións do alcalde no sentido de que seguían a traballar no mesmo proxecto) supoñemos que por carecer de «sentido común». Este é un proxecto que é rechazado por esta asociación co apoio de máis de dous mil veciños e que é un auténtico atentado urbanístico (inclúe un túnel de máis de cincuenta metros no casco urbano, dúas puntes, unha rotonda levantada sobre o terreo actual de tres a catro metros, e máis de dous kilómetros de viais). Pero esta si é unha obra con «sentido común». Este é un exemplo do «sentidiño común» que teñen o alcalde e o seu equipo de goberno, máis nós diriamos que están tratando de arrima-la ascua á súa sardiña. Asociación veciñal Virxe de Monserrat. Monforte.