TRIBUNA PÚBLICA
17 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.A unificación da consciencia social a través do antiterrorismo trouxo con el ingredentes deleznables. A manipulación dos medios, as peticións da pena de morte, cadea perpetua ou cumprimento total das condeas, e a criminalización das ideas. Hai moito pouco sitio para a liberdade de crítica nos espacios por onde circulan as opinións no Estado español e nesta sociedade o pluralismo das ideas que se verten é bastante obtuso. Conversar ou escribir pacíficamente sobre o dereito de autodeterminación, da República ou da memoria franquista, supón un importante risco de descualificación pola meirande parte do auditorio político e social. É a contradición entre o que se considera «incorrecto» e o que parece ser «políticamente correcto». Esquécese con moita frecuencia algo moi importante: as formas nunca son secundarias nen neutrais e as liberdades nunca son unhas meras formas, son liberdades con todas as consecuencias ou non son nada. Di un dito popular que para coñecer hai que escoitar, ver ou ler, pero é característica xeral dos nosos dirixentes intelectuais e políticos a súa escasa afección por comprobar, documentar ou constatar o que se afirma ou nega, antes ao contrario, intoxican á opinión pública con argumentos que moitas veces eles mesmos manipulan a sabendas. Hoxe está de moda, entre múltiples políticos, intelectuais e tertulianos, asumir ou integrar a determinados personaxes históricos, como pode ser Castelao. Cando dende a dereita e a menos dereita se reivindica a este, cabería lembrarlle unhas palabras do mesmo: «quero unha España que sexa forte para outro interese común, harmonizando nunha coordenación superior a todas as nacionalidades que a compoñen e defendendo a soberanía de cada uha delas. Comprenderedes -remataba Castelao-, que estamos falando dunha República Federal». Integrase e manipúlase ao personaxe. ¿Cómo? Intentando vernizalo para logo aniquilar a esencia fundamental da súa obra. Aqueles que acusan os nacionalistas de exclusivistas, deberían mirar un pouco máis cara sí mesmos e practicar de vez en cando a autocrítica a respeito do que están facendo co seu entorno. Severino Rodríguez Díaz. Monforte.