Estratexias para enfrontarse con éxito ao fin de curso
08 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.Din que a estas alturas da película está todo o peixe vendido. É dicir, que é pouco probable (por non dicir imposible) que aquel estudante que teña suspendido oito materias na segunda avaliación vaia aprobar todo a final de curso… Pero víronse cousas máis raras. Ademais, trátase de facelo o mellor posible: talvez para máis dun sexa un éxito conseguir pasar de curso, contando coa convocatoria de setembro. Mentres que para moitos outros o obxectivo pode ser, nestas últimas semanas de curso, conseguir acabar en xuño cunha media de notable alto.
Así que, en todo caso, vexamos que é o que se pode facer para aproveitar ao máximo as seis semanas que quedan de curso. Para empezar:
Non hai tempo que perder! É momento de concentrarse, de acomodar o mellor posible o lugar de estudo e de facer un esforzo por manterse afastado o máximo posible de móbiles, redes sociais e pantallas absorbentes en xeral. Informar os amigos de que nos imos someter a un esprinte final (e que se agradece que non nos insistan para saír) pode servir de axuda.
Cubrir un calendario cos días de curso que quedan, exames pendentes, entrega de traballos e materias ás que se vai dedicar cada xornada. Nalgúns casos poida que resulte útil deixar para setembro algunhas materias e centrarse en superar as outras.
Conseguir de forma superurxente todos os apuntamentos, libros, exercicios, mapas, láminas e o resto do material imprescindible para aprobar e que, pola razón que sexa, non se teña.
Estar moi atento á última clase antes do exame. É moi probable que o profesor dea pistas sobre as preguntas que vai pór no exame ou que insista en repasar tal ou cal contido. Seguro que cae.
Para estudar, utilizar a técnica de facer chuletas. Só a técnica. É dicir, resumir e esquematizar ao máximo a materia obxecto de exame, seleccionando os contidos fundamentais de cada tema e póndoos por escrito. E logo, a memorizar as chuletas (e a deixalas na casa o día do exame, para evitar tentacións).
Revisar modelos de exames que se fixeron ao longo do curso ou incluso en anos anteriores. Hai certos temas que sempre caen, ano tras ano.
Deixar un tempo para repasar. Aínda que estamos, como quen di, no tempo de desconto, merece a pena incluír os repasos en todo este proceso. Se non se dá este último paso, todo o esforzo terá sido inútil.
Para cada tipo de exame, unha técnica diferente
Exame escrito
A favor
- É o exame co que os estudantes están máis familiarizados
- Hai certa liberdade para estruturar e expor o tema
En contra
- Hai que ter claras as ideas
- Hai que saber redactar e sintetizar
Favorece ao estudante que ten…
- Capacidade para relacionar contidos
- Boa redacción
- Bo dominio da materia
Atragoaráselle ao que...
- Ten unha caligrafía pouco lexible
- Comete abundantes erros ortográficos
- Non sabe estruturar a información
- É moi lento escribindo
Técnicas máis eficaces para preparalos
- Elaborar esquemas de toda a materia
- Repasar todos os temas
- Ensaiar a redacción
Isto é o que hai que facer o día do exame
- Ler con calma o enunciado e elaborar un guión do que se vai contestar nunha folla en sucio
- Logo hai que desenvolver esa estrutura
- Nos últimos minutos, repasar e corrixir erros
- Se son preguntas curtas, hai que ser máis sintético e contestar só ao que preguntan
Exame TIPO TEST
A favor
- Facilita as cousas ao que non ten as ideas demasiado claras
- A corrección é máis obxectiva
En contra
- Adoita penalizar os erros
- Hai un tipo de preguntas que poden lear
Favorece ao estudante que ten…
- Capacidade para traballar con rapidez
- Coñecementos xustiños (sabelo con alfinetes)
Atragoaráselle ao que...
- Sabe moi ben a materia e non pode lucirse
Técnicas máis eficaces para preparalos
- Hai que ter unha visión xeral de toda a materia
- Memorizar todos os pequenos datos
Isto é o que hai que facer o día do exame
- Ler as preguntas con moita atención: os enunciados poden levar a engano
- Se penalizan os erros, non hai que contestar se non hai unha relativa seguridade de acertar. En caso contrario, hai que contestar a todas as preguntas
- Truco para non learse: intentar adiviñar a resposta antes de ler as opcións: se coincide con algunha, seguramente sexa esa a correcta. Se non coincide ningunha, ir eliminando as que non teñen sentido e quedar coa máis probable
Exame ORAL
A favor
- Serve de estímulo para preparar ben a materia
- Permite que o profesor aclare ou dea pista
En contra
- Pode provocar moita tensión, ansiedade
- Hai pouco tempo para reflexionar
Favorece ao estudante que ten…
- Boa fluidez verbal
- Rapidez mental
- Dominio da materia
- Carácter tranquilo
Atragoaráselle ao que...
- É inseguro, nervioso, con alta dose de ansiedade
- Ten algún problema da linguaxe (de dicción, tartamudez…)
Técnicas máis eficaces para preparalos
- Repasar todos os temas en voz alta, primeiro co esquema escrito diante e despois sen el
- Practicar ante outros
Isto é o que hai que facer o día do exame
- Mostrar confianza nun mesmo (as tilas axudan)
- Non ter medo a pedir que aclaren o que se pregunta
- Nomear as ideas principais, desenvolvelas e acabar coas conclusións
- En caso de quedar en branco: facerse preguntas sobre o tema, repetir de forma distinta algún aspecto ou resumir o exposto
- Se é posible, usar medios auxiliares: encerado, Power Point…
escuela de familias
? TEMA DO MES: Exames finais.
? ETAPA: Educación obrigatoria.
? A FRASE: «Cando creas que todo está perdido, recorda que aínda queda o futuro, o teu cerebro, a túa vontade e dúas mans para cambiar o teu destino» (anónimo).
? PARA SABER MÁIS: «¿Qué hacer antes de un examen?». Técnicas de estudo en Educaweb: https://bit.ly/2VFtTKT