Tempos de eleccións

Fernando Pariente

LA VOZ DE LA ESCUELA

As papeletas e os sobres para elixir deputados e senadores son de distinta cor
As papeletas e os sobres para elixir deputados e senadores son de distinta cor ALBERTO LÓPEZ

As xerais serán o 28 de abril, e o 26 de maio terán lugar as municipais, autonómicas e ao Parlamento Europeo

20 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O momento no que os cidadáns vivimos con máis intensidade a democracia é o de votar. Temos na nosa man decidir: condenar a uns ao fracaso e elevar a outros ao éxito. É o momento da verdade, a hora na que o pobo dita unha sentenza que durará catro anos, ata unhas novas eleccións. E este ano o tema adquire maior protagonismo, porque os cidadáns temos varias citas coas urnas. A primeira, que vén soa, é a das eleccións xerais do 28 de abril. A outra, o día 26 de maio, acumula: eleccións ao Parlamento Europeo en toda España, municipais tamén en toda España e autonómicas nas comunidades onde se celebran habitualmente coas municipais.

A consecuencia inmediata deste horizonte tan complexo é que xa estamos metidos nunha interminable campaña electoral que se vai endurecendo a medida que pasan os días. Agora, como primeiro paso, os partidos confeccionan as listas de candidatos que van presentar ás distintas eleccións, celebran as súas primarias e prodúcese unha gran tensión entre os membros de cada partido por conseguir un posto que lles garanta a posibilidade de resultar elixidos. Despois virán os mitins de cada partido, as propostas, as promesas, os programas electorais e os debates en televisión. A primavera promete ser quente non só no aspecto meteorolóxico.

 

ELECCIÓNS XERAIS

Son as que nos tocan agora, en primeiro lugar. Nelas decídese quen debe gobernar o conxunto da nación. Vexamos como se desenvolven e que características AS DEFINEN.

 Quen poden votar? Chamamos corpo electoral ao conxunto de cidadáns que son chamados a participar nunha elección, neste caso o conxunto dos españois maiores de 18 anos, inscritos no censo electoral, tanto se residen en España como se están no estranxeiro. Estar inscrito no censo electoral é imprescindible para poder votar. O conxunto de todos os cidadáns agrúpanse en circunscricións, que son as unidades básicas organizativas dunhas eleccións. As circunscricións neste caso son as provincias, ás que se lles asignan un número de deputados en función do tamaño da súa poboación. Con todo, no caso do Senado a cada provincia correspóndelle en principio o mesmo número de senadores: catro.

O corpo electoral é propio de cada elección e varía dunhas a outras. Por iso en cada unha delas queda oficialmente fixado no censo electoral, que é a lista pormenorizada na que aparecen, unha por unha, todas as persoas que teñen dereito a votar nesa elección. Nese censo determínase ademais en que colexio electoral e en que mesa ten que votar cada un, porque non se pode votar onde a calquera se lle ocorra, senón que é obrigatorio facelo onde o censo determine. Isto é necesario para garantir que non haxa fraude. Para toda esta organización constitúese en cada convocatoria unha Xunta Electoral Central.

Que se elixe? Os votantes non elixen directamente o presidente do Goberno. Nas eleccións xerais elíxense representantes dos cidadáns para dous órganos distintos, o Congreso (deputados) e o Senado (senadores). O procedemento da elección é diferente en cada un dos casos. Por este motivo nestas eleccións os votantes teñen que depositar nas urnas dúas papeletas de diferente cor: branca para os deputados, sepia para os senadores.

Deputados. Nas papeletas da elección de deputados cada partido presenta unha lista pechada de candidatos. O número de persoas da lista está determinado polo de deputados que corresponden a cada circunscrición, que é a provincia. A estas pódense engadir suplentes. Á provincia de Madrid, por exemplo, correspóndenlle 36 deputados e á da Coruña oito. O votante non pode engadir ningún nome nin tachar nin cambiar a orde. Ten que aceptar a lista tal e como a estableceu o partido. Xa que logo, o que o votante elixe, en realidade, é un partido político. Elíxense 350 deputados. A maioría absoluta constitúena 176.

Senadores. Todas as circunscricións ou provincias dispoñen en principio do mesmo número de escanos, catro, pero só tres deles os elixen os votantes. O cuarto é elixido polo Parlamento de cada comunidade autónoma, que pode nomear, ademais, por cada millón de habitantes outro senador máis. Neste caso a elección é directa e os candidatos preséntanse en nome propio, non incluídos nunha lista proposta por cada partido. Por ese motivo o votante non ten que escoller unha papeleta coa lista dun partido, senón que soamente hai unha papeleta única moito máis grande que as habituais na que aparecen todos os candidatos que se presentan na circunscrición, sexan do partido que sexan. O votante ten que escoller os tres candidatos da súa opción marcando a casa que figura xunto ao seu nome. O votante é absolutamente libre para elixir a quen queira, aínda que non sexan do mesmo partido. Resultarán electos os tres nomes que reciban maior número de votos na orde que marquen as cantidades de votos recibidas.

A investidura do presidente do Goberno

Despois das votacións e do reconto dos votos, constitúense o Congreso dos Deputados e o Senado. Unha vez constituídas as Cámaras, o Congreso adquire maior protagonismo e as súas primeiras actuacións van encamiñadas á elección do presidente do Goberno. Para iso, o rei, como xefe do Estado, debe chamar a consulta os líderes de cada un dos grupos políticos que se constituíron para solicitar información sobre os votos que pensan emitir os seus membros na seguinte sesión de investidura. Para gañar a confianza da Cámara e ser elixido presidente do Goberno, necesítase maioría absoluta dos votos dos deputados, é dicir, a metade dos votos máis un. Pero se isto non se consegue, sométese a mesma proposta a nova votación corenta e oito horas máis tarde e a confianza entenderase outorgada coa maioría simple.

Cando o grupo maioritario dispón dun número de deputados que cobre ou excede esas maiorías, a proposta do rei é inmediata e celébrase enseguida o pleno de investidura. Pero cando non é ese o caso, ábrese un período de negociación entre os partidos para lograr unha coalición. Ese tempo pode ser máis ou menos longo e o rei non volverá chamar a consultas aos líderes dos partidos mentres non teña recibido información de que alguén chegou a un acordo de coalición. Cando iso ocorre, a Casa do Rei volve establecer unha rolda de consultas e ao final dela encarga ao deputado que lidere a coalición a tarefa de presentar o seu programa de goberno, sometelo a debate e superar a votación para recibir a confianza da Cámara no pleno de investidura. Se os partidos non logran pórse de acordo pasado un período de dous meses contados desde a primeira votación de investidura, as Cortes quedan disolvidas automaticamente e téñense que convocar novas eleccións.

Actividades

1. Para votar hai que usar obrigatoriamente as papeletas oficiais que están a disposición dos electores nos colexios electorais, pero que tamén adoitan ser enviadas polos partidos políticos aos domicilios dos votantes. Buscade distintos modelos delas e comprobade as diferenzas que existen entre as papeletas da elección de deputados e as de senadores. Buscade tamén fotografías de colexios electorais constituídos por varias mesas e completade información sobre a constitución das mesas e como se procede á emisión do voto.

2. Tamén sería boa idea buscar como documentación os programas electorais dos distintos partidos. Adoitan publicalos para repartir entre os electores.

3. Durante os días previos á xornada electoral os medios de comunicación publican resultados de enquisas que pretenden anticipar os resultados. Poden equivocarse. No entanto, pode resultar curioso facer un seguimento para ver cara a onde se inclinan os vaticinios.