E por un último, un terceiro dato á hora de facer a lista de agasallos: todos prefiren xogar (e aprenden e reláxanse moito máis, está demostrado) en espazos abertos, ao aire libre e en contacto coa natureza que en cuartos pequenos, locais pechados ou centros comerciais atestados de xente. Así que xa temos outra clave: talvez pedir agasallos relacionados co aire libre (pelotas, bicicletas, patinetes, cometas, prismáticos, guías de campo ou equipos de explorador) sexa unha boa idea para este ano no que os Reis Magos queren saírse un pouco do habitual.
Xogar é algo moi serio
Francesco Tonucci, pedagogo italiano, debuxante e autor de magníficos libros sobre a infancia, como Con ollos de neno ou Cando os nenos din ¡basta!, sempre defendeu a idea de que os nenos necesitan menos xoguetes e máis liberdade (iso si, adaptada a cada momento de madurez) para xogar. E, sobre todo, tempo e lugares adecuados para facelo. Estas son algunhas das súas ideas sobre os xoguetes que poden inspirar a carta a Papa Noel ou aos Reis Magos: