A obesidade non se debe só ao sedentarismo nin á mala alimentación, senón tamén a causas xenéticas
09 abr 2014 . Actualizado a las 12:36 h.Desde hai xa varios anos, a comunidade científica sabe que o incremento a nivel mundial da obesidade non se debe única e exclusivamente ao sedentarismo ou a mala alimentación, senón que ten un responsable xenético; entre un 35 % e un 45 % dos casos, segundo Alberte Lacube, xefe do servizo de endocrinoloxía do Hospital Universitario Arnau de Vilanova (Lérida).
Moi recentemente, científicos do departamento de xenética humana da Universidade de Chicago, dirixidos polo profesor Marcelo Nóbrega, en colaboración co equipo do profesor José Luís Gómez Skarmeta, do Centro Andaluz de Bioloxía do Desenvolvemento, identificaron, por fin, o principal xene responsable da obesidade humana, o chamado iroquois 3, ou IRX3. Este importante xene, que intervén en innumerables procesos esenciais para o desenvolvemento, relaciónase coa obesidade a nivel do hipotálamo, segundo se desprende do artigo publicado na revista Nature o 12 de marzo. O hipotálamo é o órgano que conecta o cerebro cos centros de regulación hormonal que controlan o funcionamento do resto do corpo. Xa que logo, a información que conteña este xene determinará a regulación de certas hormonas que condicionarán a maior ou menor facilidade dunha persoa para acumular graxa no seu organismo. Este amplo abano de procesos vitais nos que intervén este xene lambón descártao, segundo os investigadores, como diana para un control farmacolóxico, xa que a súa inhibición artificial podería interferir na regulación doutros procesos vitais para o organismo. Por iso as novas liñas de investigación céntranse no estudo das interaccións, relacionadas coa obesidade, que o xene IRX3 exerce sobre a regulación de moitos outros xenes, susceptibles de ser alterados mediante unha futura pílula antigraxa.
ESTRATEXIA NAOS
Vista a preocupante evolución dos datos de obesidade no noso país, fundamentalmente a nivel infantil, dado que máis do 13,9 % dos nenos padecen esta enfermidade (o que nos coloca nos primeiros postos europeos en obesidade infantil), o Ministerio de Sanidade e Consumo, elaborou no 2005 coa colaboración das Administracións públicas, expertos independentes, empresas do sector alimentario e da actividade física a Estratexia para a Nutrición, Actividade Física e Prevención da Obesidade (NAOS). Esta estratexia pretende fomentar unha alimentación saudable e promover a actividade física, co fin de inverter a tendencia crecente á obesidade, sempre desde unha perspectiva positiva con mensaxes como: «Non hai alimentos malos ou bos, senón unha dieta mal ou ben equilibrada» ou «Nunca é tarde para empezar a facer unha actividade física». Para iso proponse actuacións en diferentes ámbitos:
- O familiar, mediante campañas de divulgación e programas de formación e promoción de hábitos saudables.
- O escolar, incluíndo no currículo académico coñecementos relativos á nutrición, iniciativas extraescolares que introduzan aos estudantes no mundo da cociña e a gastronomía, a práctica do deporte ou a elaboración unha normativa sobre os comedores escolares e as boas prácticas.
- O sanitario, realizando campañas informativas e de detección precoz de sobrepeso e obesidade ou realizando un seguimento dos principais grupos de risco.
- O empresarial, conseguindo os apoios e compromisos de aplicación do proxecto de todos os ámbitos empresariais implicados (empresas produtoras, restauración e hostalería, mercadotecnia...).
¿Sabías que?
- O nome dos xenes iroquois, descubertos polo doutor español Juan Modolell Mainou, provén dunha curiosa mutación que provocaba nas moscas da froita. Esta consistía nunha calvicie total no corpo, menos na cabeza e o tórax, onde quedaba unha banda de pelo parecida ao peiteado dun pobo aborixe de Norteamérica coñecidos como iroqueses.
- O Colexio Oficial de Médicos da Coruña, en colaboración coa Fundación Barrié e V Televisión, puxeron en marcha unha campaña para fomentar os hábitos de vida saudable denominada Health Lab Kids, con diversas actividades na cidade.
- O próximo 28 de maio celébrase a 13.ª edición do Día Nacional da Nutrición con diferentes actividades a favor dos hábitos saudables e a prevención da obesidade infantil.
Actividades
Índice de masa corporal
O IMC, ou índice de masa corporal, utilízase para clasificar os diferentes graos de peso nos adultos. Calcúlase dividindo o peso en quilos entre a altura en metros.
Para saber o estado xeral da túa clase, en canto ao peso, propómosche o seguinte estudo. Pide a cada un dos compañeiros de clase, sen o nome, os datos necesarios para calcular o IMC. Unha vez calculados, mirando a táboa adxunta, intenta contestar a estas preguntas: ¿En que grupos clasificaríase a túa clase? ¿Quen teñen máis sobrepeso, os mozos ou as mozas?
En caso dun IMC alto, ¿que proporías para solucionalo? Se che interesa o tema e queres profundar máis, na páxina da Asociación Española para o Estudo da Obesidade (www.seedo.es), no apartado de Pacientes atoparás varias ligazóns para calcular o risco vascular ou a dieta.
Clasificación segundo o IMC
Peso insuficiente < 18,5
Peso normal 18,5-24,9
Sobrepeso grado 1 25-26,9
Preobesidade 27-29,9
Obesidade tipo 1 30-34,9
Obesidade tipo 2 35-39,9
Obesidade mórbida 40-49,9
Obesidade extrema > 50
Para saber máis
- Páxina da Universidade de Medicina de Chicago onde se recolle as investigacións sobre o IRX3: http://bit.ly/1gdXISo
- Páxina oficial da estratexia NAOS, onde atoparás información máis completa e detallada: bit.ly/1fDrOj6
- Parque temático virtual que a través de xogos e diferentes actividades pretende sensibilizar e informar de como adquirir hábitos saudables. Atrévete: www.activilandia.es.