Durante máis de vinte anos, José Caruncho percorreu O Courel coa cámara. Cando vía unha persoa que o cativaba, detíñase a falar con ela, a coñecela mellor e, cando percibía que a persoa podía achegarlle algo, empezaba a traballar coa cámara e dáballes o tempo necesario para «construír» a fotografía.
1. O proxecto podería ter un título descritivo (por exemplo, «O Courel»), pero Caruncho decídese por unha expresión poética. ¿Por que pensades que elixiu «Olladas do silencio»? ¿Que evoca esta expresión?
2. No Fondo fotográfico de www.fotografiaencurso.org podemos ver máis fotografías do proxecto. Inventemos outros títulos poéticos a partir delas.
3. Trátase dun retrato en contexto: o lugar no que se sitúa ao retratado é significativo e faise presente na fotografía. ¿Por que elixiu Caruncho este fondo? ¿Que achega ao retrato? Pensemos que diferente sería se se tratase dun fondo neutro (branco, negro ou gris).