O autor de dous dos goles do Celta ante o Valencia sinala que se impuxeron nun «partido moi complexo», cun rival «difícil de detectar»
03 ene 2026 . Actualizado a las 19:01 h.O xogador do Celta Borja Iglesias, autor de dous goles fronte ao Valencia, sinalou que no equipo están «moi felices deste inicio de 2026, de ter o estadio hoxe de novo a tope e desfrutando dun gran resultado nun partido moi complexo» para eles. Nese sentido, afondaba: «Eles iniciaron moi ben, con balón, era moi difícil de detectar onde estaban, presionarlles. O equipo, cando non entende, traballa moito. Creo que hoxe o fixemos e, a partir de aí, fomos quen de empezar a medrar no partido e disfrutar dunha bonita vitoria».
No persoal, reaparecía tras non poder estar fronte ao Oviedo no último compromiso do 2025, logo de resentirse en Copa, fronte ao Albacete, de problemas físicos que xa viñan do anterior compromiso no torneo. «Acabei o ano un pouco mancado despois de moito esforzo, de moito traballo. É unha ledicia tremenda chegar hoxe ao partido porque tiña algunha dúbida durante esta semana de vacacións, pero mereceu a pena», dicía en referencia ao seu dobrete.
Ante á pregunta de que lle pide ao ano que acaba de comezar, esta de acordo co que expresara Claudio Giráldez na véspera. «Resumiuno moi ben. O 2025 foi moi bonito, moi difícil por momentos, pero tamén o desfrutamos moito. Con que (o 2026) se asemelle un pouco, sería tremendo», sinala. E comprométese: «Imos traballar para iso, sabendo as dificultades e a ilusión que temos de que sexa o máis parecido. Oxalá soñar con cousas bonitas».
En canto a afección, repite que están vivindo «un momento tremendo». «Témolos sempre moi preto. É certo que as veces pasamos por momentos difíciles e poden saltar dúbidas, pero os animo a que estean con nós. Cremos nisto e estamos agradecidísimos polo ambiente, o agarimo e todo o que nos dan», manifestaba o dianteiro compostelá, que foi titular.