Os Premios Paraugas premian a aposta do Celta por situar «as raíces no centro» da súa comunicación
GRADA DE RÍO
O club, recoñecido por terceira edición consecutiva, levou o Paraugas de Ouro e impúxose na categoría de mellor acción de branding nos galardóns do Clúster da Comunicación de Galicia
22 nov 2025 . Actualizado a las 13:54 h.Por terceiro ano consecutivo, o Celta foi recoñecido nos Premios Paraugas, galardóns de comunicación e márketing concedidos polo Clúster da Comunicación de Galicia. A entrega celebrouse no Teatro Jofre de Ferrol e o club vigués impúxose na categoría de mellor acción de branding, que foi para a campaña RIO1923 Raíces, identidade e orgullo; a maiores, tamén recaeu no club celeste, de maneira inesperada -á marxe das nominacións por categorías- o premio máis relevante dos que se concedían, o Paraugas de Ouro.
A presidenta do xurado, Paz Comesaña, explicou que este galardón «non só premia os resultados, senón tamén visión, estratexia e liderado». Consideran que «o Celta brillou nesta edición en varias categorías», pero o que sobresae por enriba de todo é «aposta firme e valente pola comunicación e o márketing como ferramentas estratéxicas para medrar de forma sostida e como motores de transformación». Quixo lembrar unhas palabras de Peter Drucker: «A mellor maneira de predicir o futuro é crealo», engadindo que «iso é o que está facendo o Celta: creando o seu futuro con estratexia, con sensibilidade, con innovación. Está a demostrar que o deporte pode ser tamén un exemplo de xestión intelixente, de conexión coa sociedade e de construción de marca».
Por parte do Celta, interviñeron a integrante do departamento de Márketing Carla García e o director de Márketing e Comunicación, Gael García. Ela expresou que «é un orgullo ver recoñecido o traballo de tanta xente que hai detrás», expoñendo que «as raíces hoxe están no centro» dos seus pensamentos. «Son as que nos fan ser quen somos, as que nos trouxeron ata aquí e as que nos fan sentirnos orgullosos do noso. Son o piar que sostén os nosos valores e as que nos achegan unha identidade. As raíces son as que nos permiten vivir un presente cargado de emocións e soñar cun futuro que deixe unha pegada inesquecible», apunta.
Gael García, pola súa banda, valorou o que supoñen para o Celta estes dous premios. «ambos recoñecementos destacan a importancia de apostar polo márketing e a comunicación para facer que as organizacións medren». «Desde o Celta animamos a que todo o talento creativo galego teña cabida e sexa protagonista como motor dinamizador empresarial e cultural», sinala. Desde o club, ademais, afirman que «estes recoñecementos sitúan ao Celta entre as marcas máis destacadas de Galicia e reforzan un camiño que non sería posible sen unha afección que inspira, impulsa e dá sentido a cada proxecto».