O Celta apoia a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade co documental «Heroes do Sil»
GRADA DE RÍO
O club vigués presenta un novo proxecto co que busca «enxalzar a identidade galega e o respecto polo patrimonio natural e cultural»
18 nov 2025 . Actualizado a las 18:44 h.O Celta vén de estrear este luns un novo documental do seu equipo audiovisual, baixo o título de Heroes do Sil. A entidade busca deste xeito, afirma nun comunicado, «continuar impulsando proxectos que enxalzan a identidade galega e o respecto polo patrimonio natural e cultural». Neste caso, a maiores, prestan o seu apoio «á única candidatura española que se presentará ante o Comité do Patrimonio Mundial da UNESCO en 2026 para optar a converterse en Patrimonio da Humanidade».
Este traballo, indican desde o Celta, é «un documental que rende homenaxe ao traballo incansable da vendima en Galicia e ás mans que coidan e protexen unha terra única, cuxo froito é símbolo de tradición e denominación de orixe». Foi gravado por Celta Media en Sober (Lugo), adentrándose no traballo da «vendima heroica» da Ribeira Sacra, especialmente na parroquia de Doade, onde, din, «o escarpado da paisaxe e o labor dos vendimiadores conviven en perfecta harmonía para dar vida a un dos tesouros vinícolas máis recoñecidos de Galicia».
Os protagonistas deste traballo son o propietario da Adega Algueira, Fernando González; o enólogo da Denominación de Orixe Ribeira Sacra Javier Rodríguez e o viticultor local José Luis Fernández. Eles son as persoas encargadas de amosar o proceso de elaboración do viño que ten como escenario o río Sil, «testemuña de xeracións e xeracións dedicadas á vendima, e desde onde se aprecia a dureza do traballo que se desenvolve nas ladeiras que se precipitan cara a el», engaden.
O Celta subliña que a Ribeira Sacra é «un dos grandes símbolos da chamada viticultura heroica». Lembran que «da súa terra nace un viño denominación de orixe froito da loita por sacar adiante o imposible, unha Afouteza que os afeccionados celestes» coñecen ben. A tempada pasada, Celta Media xa estreou os documentais A Cor do Entroido, Xa Están Aquí -sobre As Celtas- e Cielo y Arena, sobre o proxecto solidario do club en Senegal.