Cuestión de ilusión

Adrián Rubio VIGO

GRADA DE RÍO

ÓSCAR VÁZQUEZ

20 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Máis que mirar por recuperar o equipo, hai que manter a ilusión que xa tiña o Celta o domingo polo obxectivo. Non creo que sexa necesaria unha recuperación anímica, porque teñen o aliciente de clasificarse.

Pode que o pau fose grande. Polo entorno, o ambiente festivo e demais. Igual por iso pode custar un pouco máis, porque podías acadar a clasificación na casa e celebralo ben e seguro que os xogadores estiveron amolados onte, pero non creo que lles vaia pasar factura a partir de hoxe.

Pode ser que de cara ao partido do sábado poda haber algo máis de presión, porque agora espérate un rival complicado, que non se xoga nada. Pero xa sabemos como son este tipo de encontros e unha vez que teñen a permanencia, empezan a aparecer xogadores aos que este partido lles poida ser un escaparate, despedidas ou ganas de agradar. Estamos falando de fútbol profesional e seguro que o Xetafe buscará gañar.

Clasificarse para Europa para o Celta dende logo que non é unha obrigación, pero agora, na cabeza de todo o mundo está non manchar unha tempada tan grande. Seguro que co tempo e con perspectiva, aínda que non acades a clasificación, seguro que se pon en valor todo o feito con esta plantilla, con esta canteira, con cambio tan grande de Rafa Benítez a Claudio Giráldez e con esta idea, pero agora igual podía non valorarse o que fixeron este ano, aínda que non sería xusto.

En canto a última xornada, sempre son complicadas. Os rivais non se xogan nada e os tres están en igualdade de condicións, pero seguro que os nervios van influír para culminar o traballo.