A Peña Alvelo de Ribeira inicia unha nova etapa 

LA VOZ VIGO

GRADA DE RÍO

O ata agora presidente, Antonio Arca, directivo desde os inicios, en 1988, deixa paso de maneira formal a Antonio Lijó, que xa viña levando as rendas da agrupación celtista 

19 may 2025 . Actualizado a las 16:55 h.

A Peña Celtista Alvelo de Ribeira comeza unha nova etapa. O que ata o de agora era o seu presidente, Antonio Arca, trasládase por motivos laborais a Barcelona e, aínda que non seguir sendo peñista nunca foi unha opción, si que se ve na obriga de deixar a directiva. Por ese motivo, as persoas que quedan á fronte, e que xa levaban tempo exercendo quixeron despedilo e homenaxealo con agarimo coincidindo co partido da pasada xornada, a vitoria sobre a Real Sociedade.

Arca leva na peña desde os seus inicios. «No ano 1988, era vicepresidente e desde o 2012, presidente», comenta antes de revelar que non é o cansazo o que o leva a dar un paso ao lado, senón ese «cambio profesional» que implica un novo destino lonxe de Galicia. «Falei con todos e vaise facer cargo Tucho (Lijó), que ata agora era o secretario, e seguen eles, porque eu xa non poderei ir a moitos partidos; en todo caso, como visitante», detalla.

Foron anos de moito traballo para conseguir que a peña se consolidase e avanzase cara adiante. «Sempre digo que a nosa historia é un resumo da do Celta: grandes momentos, momentos tristes, momentos bonitos… Nacemos a raíz dunha desgraza, como foi o accidente de Alvelo, e vivimos ascensos, descensos, dúas finais de Copa nas que fomos a Madrid e a Sevilla en autobús, gozamos do EuroCelta… E o colofón foi ese ano», comenta

Deste momento actual, valora que hai «un adestrador que é o celtismo 100 %, que dá oportunidades aos rapaces da canteira e esa conexión entre o público e o equipo, que non se vivira tan intensamente como agora». Por iso pensa que lle coincide nun bo momento tamén para este relevo. «Extraordinario. É ao que aspirabamos os máis románticos que fose o Celta: adestrador e moitos xogadores da casa, cun himno grandioso, o estadio cheo de xente nova, de bandeiras, de camisolas… O que soñabamos», celebra.

Arca di que aínda que na súa familia non había tradición futboleira, el naceu celtista, «así de sinxelo». Por iso acabou sendo un dos impulsores da peña, que lle deu moitas satisfaccións e foi un proxecto «moi gratificante» ao longo destes máis de 35 anos. «Alvelo visítanos todos os veráns con Pichi Lucas e Maté, amigos seus inseparables e sempre dispostos aínda que os avises o día anterior, e comemos xuntos. É unha satisfacción ter unha peña, pero aínda máis, tela co seu nome, unha honra».

A peña Alvelo estaba xa en proceso de creación cando se produciu o accidente a consecuencia do cal quedou o xogador en cadeira de todas. «Estábase xestando desde unhas semanas ou un mes antes, estabamos falando e tiñamos claro que tiña que levar o nome xun xogador da canteira, ata aí, había consenso, e logo, uns votaban por un, outros, por outro… E ao pasar esa desgraza xa non houbo discusión», rememora.

Agora que marcha, o que os seus compañeiros chaman «homenaxe» a Arca, el redúceo a «unhas cañas, coma sempre», mentres ollaban o partido do martes. «Agradecino como tal», sinala este celtista que ao que lle dá «moita pena» pechar esta etapa, pero que sabe que queda en boas mans. «Tucho, o actual presidente, xa se viña encargando de todo, así que vai ser unha continuidade.

El, pola súa parte, xa tivo unha primeira aproximación a Blau Cel, a peña de Barcelona. «Foi moi emocionante. Cheguei quince ou vinte minutos antes e estaban esperando. Ves aparecer unha bandeira galega, moitos con camisetas, con bufandas… Verte tan lonxe rodeado da túa xente foi emocionantísimo», insiste. Así, a Peña Alvelo perde un presidente, pero conserva un peñista que pasa a gañar tamén Blau Cel.

A nova directiva está conformada por Antonio Lijó (presidente), Genaro Gutiérrez (vicepresidente), Abdón Santos (secretario), Natalia Míguez (tesoureira), José Manuel Peleteiro (vocal) e José Galiñanes (vogal).