Non é un conto de Nadal, a renovación de Iago Aspas é un cheque á ilusión

Xosé R. Castro FONDO NORTE

GRADA DE RÍO

Oscar Vázquez

«Se chega a ter a máis mínima dúbida do seu estado físico ou da súa contribución ao proxecto, sería o primeiro en botarse a un lado porque o seu amor ao Celta é infinito»

26 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende a chegada de Marián Mouriño á presidencia, o Celta non entende diso que lle chaman «tregua navideña». A sucesora estase especializando con agasallar ao celtismo con boas novas nas datas do Nadal. O ano pasado, foi poñer punto e final a senrazón de contar con (algo parecido) un director deportivo externo, e este ano, foi a noticia máis agardada e querida pola afección en moito tempo: a continuidade un ano mais do mellor xogador do Celta de todolos tempos: Iago Aspas, aquel neno que soñaba con marcar goles bonitos cos maiores e que xa é o máximo goleador da historia celeste. Superar isto no Nadal do 2025 só sería posible con outra renovación.

Iago acurtou o suspense en seis meses. Os máis optimistas pensaban que o capitán esperaría ata o final de liga para decidir se continuaba ou non, pero que o faga a unha xornada do ecuador de tempada significa que se sinte ben no físico, feliz no deportivo e con ambición para seguir agasallando co mellor fútbol.

Non teño dúbida que nesta decisión, inesperada pola data, moito ten que ver Claudio Giráldez, quen non para de repetir loubanzas para o 10, o seu xeito de entender o xogo, a súa aposta por un bo feixe de canteiráns aos que guiar e como non, a comuñón cos novos tempos do celtismo. Demasiado condimentos como para deixar pasar a oportunidade de vestirse de curto con 39 anos.

Agora ben, se Iago chega a ter a máis mínima dúbida do seu estado físico ou da súa contribución ao proxecto, sería o primeiro en botarse a un lado porque o seu amor ao Celta é infinito. Por sorte, está coma un buxo e a Marco Garcés aínda non lle toca a xubilación. A dirección deportiva, co moañés á fronte, pode esperar un pouco máis.