Co seu descaro, Hugo Álvarez facía algún cano aos adestradores sendo alevín

Edgar Pedride EX ENTRENADOR DE HUGO

GRADA DE RÍO

17 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Coñecín a Hugo Álvarez cando era benxamín, xogando el no Ponte Ourense. Nós fomos a un torneo co Celta en, o internacional Xunqueira de Pontevedra, e el estaba alí antes de xogar nós. Era fútbol sete e desde medio campo no saque de inicio, colleu e meteu gol. Cando ves iso, xa dis: «Ostras, a este hai que seguilo, ten algo diferente».

Logo, en alevíns de primeiro ano, foi cando o fichou Álex Otero para o Celta. Lembro que non fora doado convencer aos pais, que lle deran guerra. A partir de aí, coincidín con el como parte do corpo técnico tres anos, cunha xeración como é a do 2003, que creo que hai tempo que o club non ten outra coma esa, con Damián, Miguel, Sotelo... Non me gusta desmerecer a ninguén e hai quen chega antes e máis tarde, pero estes intuíase que estaban para chegar a outro nivel. Ían a torneos e competían contra Madrid, Barcelona... Coincidiu nun momento de aposta pola canteira e esa xeración estaba no mellor lugar que podía estar.

Daquel Hugo neno lembro a un rapaz humilde, traballador e de familia traballadora, que sabe valorar as cousas. E no fútbol, que tiña unha pillería asombrosa, como se viu contra o Athletic na xogada na que marca o primeiro gol o Celta. Ves que tira un cano ao defensa nunha banda como se tal cousa, porque o leva facendo toda a vida. Nos rondos, ata tiraba canos aos adestradores. Gustábame ese descaro, esa pillería, aparte dunha visión de xogo que non ten calquera, bo toque, pégalle ben e moitas máis cousas. Tamén traballa ben defensivamente.

É moi especial velo aí, neste caso a Hugo, pero tamén aos outros compañeiros cos que coincidín, que outros tamén o están a facer moi ben no Celta Fortuna. Supón unha ledicia ver como marca e se abraza a Damián, a Iago... Emociona máis cando é xente que coñeces e que estivo contigo. Non quere dicir que sexa mérito teu, por suposto, pero é bonito pensar que puideches aportar un gran de area. É una sorte esta valentía de Claudio para apostar pola canteira e que estea a dar resultado.