A peregrinación de doce horas dos González Alvariño por estar en Balaídos: «Só o celtismo pode entendelo»

GRADA DE RÍO

CEDIDA

Unha familia de Cerdido, peñistas de Norte Celeste, acude a cada partido do Celta a pesar da distancia; a filla maior, Cecilia, explica como o viven e como se organizan

09 may 2024 . Actualizado a las 11:02 h.

Cando unha nai de familia acompañada nos exteriores de Balaídos polos tres fillos comenta a unha persoa de Celta Media que veñen de Cerdido -preto de Cedeira-, ese interlocutor responde no Inside do Celta-Vilarreal: «Ou sexa, que non vides habitualmente ao estadio». Os tres sácano do erro -lóxico tendo en conta a distancia-. «Non, non, vimos sempre», aclara a nai, Lorena, e a filla maior, Cecilia González Alvariño, ante a mirada dos cativos da familia, Moisés e Oliver, de nove anos. Desta volta, faltaba o pai, Rubén, que tamén en moita culpa da paixón celeste dos seus.

Conta Cecilia, de 18 anos, que súa nai chama «peregrinación a Balaídos» á aventura que viven cada quince días. «As doce horas desde que saímos da casa ata que chegamos non nolas quita ninguén», subliña. Collendo a referencia deste último encontro, saíron da casa ás 10.30 para coller o bus en Ferrol unha hora máis tarde. Coas paradas da expedición da peña á que pertencen, chegaron ao estadio en torno ás 14.30 e saíron ás 18.45, de novo coas paradas correspondentes (Milladoiro, Sigüeiro e A Coruña) ata a súa, en Ferrol, para estar de regreso a casa contra as 22.30. «Meus irmáns lévano xenial, levan a tablet e aproveitan o día que miña nai llela deixa máis tempo», conta.

Cada viaxe é diferente tamén en función do horario. «Cando é tarde, levamos mantas e coxíns para poder durmir no bus de volta, xa que moitas veces, ao día seguinte hai que ir ao cole e a traballar», constata. O que é común é que «a ida no bus sempre é un momento agradable compartindo conversacións coa xente da peña». Despois, inevitablemente, o resultado acadado ten influencia nos ánimos para emprender o retorno a casa. «A volta está claro que se leva mellor cando traemos os tres puntos», admite Cecilia.

Ela confesa ser «a máis celtista de todos», aínda que tamén pode conseguir que a día de hoxe, practicamente a igualen os outros catro compoñentes da familia. «A verdade é que o celtismo vén de meu pai, a el sempre lle gustou o fútbol e o xogo do Celta, de pequena xa o vía na tele con el», lembra. O seu primeiro partido foi o 17 de abril do 2018, un empate a dous contra o Barcelona. Despois, a raíz dos prezos das entradas de A Nosa Reconquista, seguiron indo. «Daquela, iamos en coche, xa que non sabíamos que existía o bus das peñas», precisa.

No verán do 2019 xa tivo nas mans o primeiro carné de abonada e, se non lle fallan as contas, só faltou a tres partidos nestes cinco anos, sempre por causas de forza maior. Este ano, conta con poder facer pleno. «Para a miña familia, o Celta converteuse en momentos de unión cada fin de semana, pasando momentos xuntos. Incluso cando xoga fóra, aí estamos os cinco no sofá, xa que esas dúas horas son sagradas». Tamén teñen estado nalgún desprazamento a Anoeta e ao Benito Villamarín.

Cecilia valora que seus pais fan «un esforzo tremendo cada quince días» e fai fincapé en que lles está «eternamente agradecida». «Cada vez que saímos para Balaídos, parece que marchamos da casa unha semana coa de cousas que levamos: comida, mantas, coxíns, roupa para cambiarnos se chove…», detalla. Todo para despois gozar «dun momento de desconexión das preocupacións da semana» e unha oportunidade de «pasar tempo coa familia». «Sempre preferín ir a Vigo ver o Celta que calquera outro plan. Para min, é un momento incrible. Aínda que moitas veces se sufra , eu disfruto de cada partido a pé de campo», engade.

O celtismo dela comezou porque seu pai seguía os partidos. «Despois, ao ir cumprindo anos, como son unha enferma do fútbol’ e vexo todo o que podo, o Celta seguiume gustando polo xogo, pola canteira e por Iago Aspas, que tamén axuda, claro…. Ese amor polas cores representa a cada un dos celtistas, e polo tanto, a min e a miña familia tamén», proclama. Non importa que veñan dunha terra onde o celtismo escasea. «Hai moi poucos celtistas, por non dicir ningún. Case todo o mundo é do Deportivo e algún que outro do Racing de Ferrol. Meus irmáns son os únicos nenos da zona que levan a camiseta do Celta ao cole. Os demais levan a do Deportivo, a do Madrid, a do PSG…», detalla.

O vídeo de Celta Media no que sae a familia fixo que lles chegaran moitas felicitacións polos seu celtismo e os sacrificios que fan os González Alvariño por apoiar ao seu equipo. «Sempre nos felicita a xente do bus, pero ver tantas felicitacións é todo un orgullo. Só o celtismo pode entender todo isto».