Fredi Álvarez: «O play off ten que ser consecuencia do crecemento dos xogadores»

X.R.C. VIGO

GRADA DE RÍO

M.MORALEJO

O adestrador do Celta Fortuna precisa que non ten a esixencia da fase, louva a Giráldez e di que substituílo «non é un marrón, senón unha oportunidade»

22 mar 2024 . Actualizado a las 17:22 h.

Alfredo Álvarez Paredes (Moaña, 1976) volveu ao Celta B dez anos despois e mañá sentarase no banco de Balaídos por segunda vez unha década despois. Fredi non considera un «marrón» substituír a Claudio Giráldez, do que fala marabillas, senón unha oportunidade logo de volver á base do Celta no seu día. Agora, sente que está máis preparado, con máis experiencia, e non esconde que lle encantaría continuar a próxima tempada. En clave colectiva, di que non ten ningunha presión por asegurar o play off e se chega, será como consecuencia do crecemento dos xogadores.

—Como toma a súa segunda aventura no filial?

—Era difícil pensar que tivese unha segunda oportunidade logo de saír no 2014. O club cambiou moito, e para mellor, dende entón, e está nunha situación totalmente diferente ao que era naquela época. Dende o momento que me chamaron para formar parte da estrutura de canteira, non o pensei dúas veces sabendo que o club sempre aposta por formar aos xogadores. Nestes anos, fun escalando posicións e agora atópome cunha situación inesperada que quero aproveitar para demostrar que no seu momento estaba preparado para esta situación.

—Cando se vai no 2014, daba por pechada a porta do Celta?

—Non, porque cando me despedín, a xente díxome que as portas ían estar abertas e así se deu. Cando me chamaron, significa que quedaron con algo bo de min e a partir de aí, volvín a entrar na estrutura.

—En que cambiou o Fredi do 2014 ao 2024?

—Cando pasan os ano, vas collendo experiencia, cousas que daquela no tiñamos e o que che dan os anos é saber estar, experiencia, coñecer un pouco máis de que vai isto do fútbol. Daquela era novo e estaba arrincando, e agora penso que teño un pouco máis de capacidade para levar a estes xogadores e intentar trasladar os meus coñecementos sabendo que somos un club de formación e de canteira e con ese obxectivo afronto o reto.

—Coller un equipo onde as cousas funcionan é máis marrón que cando colles un en problemas a metade de tempada?

—Non o tomo como un marrón, senón como unha oportunidade. Collín dous equipos en situacións que non eran boas e nun escenario con dificultades é máis fácil chegar ao xogador e cambiar certas cousas. Neste caso, o traballo que se fixo nos últimos anos foi un traballo excelente por parte de Claudio (Giráldez), que se ten a oportunidade de estar no primeiro equipo, é porque está moi capacitado e o que fixo no Fortuna é algo brillante. É certo que igual agora se mira todo con lupa e se o equipo vai ben é porque tiña un traballo e se non vai ben é porque non somos capaces de chegar a entender o que o equipo necesita. Eu véxoo como unha oportunidade, sabendo que a idea vai ser a mesma e, a partir de aí, cada adestrador ten o seu selo.

—Sería unha decepción non culminar a faena de meterse na fase de ascenso unha vez que te ves aí?

—O play off ten que ser unha consecuencia da mellora do futbolista, iso debemos telo todo claro. Cando me deron esta segunda oportunidade dende o club, dixéronme que non me preocupase para nada do resultado, que seguise traballando na mellora do futbolista e que o obxectivo seguía sendo que os xogadores tirasen para arriba e que se repita o que pasou o domingo.

—Que pensa un adestrador de canteira cando non ve ningún canteirán no once do primeiro equipo?

—A nosa idea é traballar para que iso non suceda, pero os que están no cargo máximo, na cúspide desta estrutura, deciden que non están preparados e igual nós debemos pensar que non se están facendo ben as cousas. Iso igual nos debe levar a reflexionar, pero eu creo que se están facendo ben as cousas e que, por diferentes motivos, non se apostou pola canteira nos últimos tempos pero se o club aposta agora é porque pensa que a canteira vai ter máis protagonismo no devir dos vindeiros anos.

—Que lle parece Claudio Giráldez como adestrador?

—Non hai máis que ver os seus números, excelente. É un adestrador moi capacitado, preparado, que ten un estilo marcado para trasladar aos seus equipos, que son equipo de autor, algo que non é doado atopar, porque ás veces os equipos son híbridos de copias que fan outros. Os de Claudio son totalmente recoñecibles, saben o que queren e ao que xogan.

«O meu contrato remata a final de tempada e logo, o club decidirá que camiño tomar»

Igual que sucede con Claudio Giráldez no primeiro equipo, Fredi Álvarez tamén remata contrato a 30 de xuño. O moañés prefire deixar esa cuestión para máis adiante. Dende o club transmitíronlle tranquilidade e el non esconde que estaría encantado de seguir.

—O seu acordo co B é ata final de temporada?

—Si, o meu contrato xa no Celta C era ata final de tempada e, en principio, aquí imos estar ata entón. Todo foi moi rápido e moi convulso e agora, a tratar de rematar estes dous meses e medio que quedan e, logo, o club mirará se o traballo que se fai é acorde ás súas necesidades e decidirá que camiño tomar.

—Hai negociacións?

—Non, non falamos nada. Son semanas de facerse con moitas cousas e agora estamos centrados niso. A min o que me dixeron é que estivese tranquilo, que traballase sen presión ningunha para intentar que os xogadores sexan mellores cada día.

—A vostede gustaríalle seguir?

—Por suposto. A calquera adestrador lle gustaría empezar proxectos novos. Este non é un proxecto novo, e a misión é intentar cambiar o mínimo posible para que siga funcionando. O importante agora é adaptarse o mellor posible, facer os menos cambios posibles, porque as cousas están funcionando moi ben e se teño oportunidade de estar o ano que vén, xa será partir de cero e ensamblar as cousas á túa maneira.

—Como ve o partido co Fuenlabrada?

—Agora mesmo, todos os equipos estamos intentando pelexar polo obxectivo final. O Fuenlabrada aínda estará pensando nas pequenas opcións de meterse no play off e nós, como somos o quinto clasificado, se gañan achegaríanse un pouco e o partido é unha das últimas opcións que teñen de engarcharse. É un rival con experiencia, oficio, bos xogadores e un fútbol moi definido.

—Como ve ao Celta C Gran Peña de cara ao play off?

—Os xogadores están facendo un ano fantástico, teñen unha motivación tremenda, ninguén esperaba que ese equipo estivese aí arriba coas dificultades que ten no día a día, adestrando con poucos xogadores. Con todo o descontrol de licencias, están facendo unha grande tempada, creo que Luis Bonilla lle vai dar o seu toque e seguro que o equipo compite ata o final. O play off está preto, pero non se poden descoidar, e logo imos ver en que condicións chega, pero o que se conseguiu xa é un éxito cos xogadores que subiron ao B.

 

Ante o Fuenbrada: Damián xoga co filial; Hugo Álvarez, non

Aínda que non haxa Primeira División esta fin de semana, Claudio Giráldez contou nos adestramentos con más canteiráns que nunca. Deles, o único que non xogará diante do Fuenlabrada é Hugo Álvarez, ademais de Sotelo e Carlos Domínguez.

—Esta semana, aínda sen fútbol de primeira, subiron máis xogadores que nunca a adestrar co primeiro equipo. Iso non dificulta a preparación del partido?

—Levo un ano enteiro lidiando con estas cousas no Celta C Gran Peña. En canto a rendemento colectivo e trasladar novos conceptos, estás un pouco penalizado, pero que adestren co primeiro equipo, ao final, e o éxito de todo o que se fai. Estamos contentos con iso e o sábado temos que intentar con vimbios que teñamos sacar o maior rendemento posible. O noso obxectivo é que o primeiro equipo se aproveite de todo o noso traballo.

—Vai poder contar con Hugo Álvarez e con Damián?

—Estamos agardando, pero o máis probable é que poidamos contar con Damián; Hugo Álvarez, de momento, vaise manter no primeiro equipo. Deu ese paso e volver ao filial sería un paso atrás para todos. Temos que ser consecuentes coas decisións que tomamos.

—E Sotelo?

—Descartado, igual que Carlos Domínguez, que levan todo o ano no primeiro equipo.