Kevin Vázquez: «Non podemos dicir que todo é sorte; a sorte búscase»

LA VOZ VIGO

GRADA DE RÍO

RC CELTA

O segundo capitán do Celta reitera a súa convicción en que o equipo se salvará, baseándose no que ve en cada adestramento

16 nov 2023 . Actualizado a las 13:47 h.

O segundo capitán do Celta, Kevin Vázquez, pasou este xoves por sala de prensa logo da última sesión de adestramento da semana. Preguntado por como estaba o equipo logo da derrota de San Mamés, na que tres goles non lles deron para puntuar, comezou dicindo: «Foron cinco goles, dous anulados. Vas pasando por etapas: a frustración de facer un bo partido onde cometemos erros e por iso non sumamos. Isto pode facernos máis fortes. Queda estar unidos».

 

Considera o nigranés que hai a lectura positiva de que están «a un pasiño» de conseguir resultados positivos. «É difícil con sete puntos dicir que pelexamos todos os encontros e o traballo está. Temos que ter a paciencia e o traballo», sinalou. Apela á autocrítica e engade: «Estamos metidos abaixo, ser claros, honestos, reflexionar sobre todo esta semana sen liga. Non podemos dicir que todo é azar e sorte, a sorte búscase».

Ao mesmo tempo, e como xa dixera tralo último partido, mostra a súa seguridade en que revertirán a situación. «Estou convencido porque estou todos os días adestrando, vin as caras dos compañeiros e nesas situacións complicadas temos que facernos máis fortes. Temos o traballo, a calidade. Creo que imos saír, pero vai custar. É o que temos». Nese sentido reafirmouse ao ser preguntado polo posible regreso de Gabri Veiga, de quen tamén lembrou que o Celta é a súa casa:

En canto á súa situación persoal, sen minutos ata a novena xornada, expresou: «Non é doado non participar, pero predisposición ten que ser boa, estar preparados para o que toque, o adestrador manexa iso, demostrou confianza en min nos últimos encontros». Ademais, aludiu a que se atopa ben con Óscar Mingueza, para quen tivo palabras de eloxio. «Gústame xogar con el, é un currante. Demostrou a calidade e cando estás en apuros pódeselle dar o balón porque ten cousas moi boas. Coa calidade que ten, podería xogar onde quixese. O outro día axudoume moitísimo».