Kevin Vázquez: «Imos salvarnos 100 %, depende de nós e estou totalmente confiado»

GRADA DE RÍO

Oscar Vázquez

O canteirán ve ao equipo concienciado e sabedor do que ten que facer

03 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Kevin Vázquez Comesaña (Nigrán, 1993), terceiro capitán do Celta e futbolista con galóns, admite que a semana se está facendo longa e, asume a dificultade de gañarlle ao Barcelona, non ten dúbida de que o equipo está concienciado e que vai acadar a permanencia «ao 100 %». O lateral remata contrato o 30 de xuño, pero di que agora mesmo iso é o de menos. Precisa tamén que non lle importaría xogar en Segunda, pero está convencido de que o club seguirá en Primeira e o seu desexo é estar unha sexta tempada consecutiva no primeiro equipo. Kevin estivo no banco en Cornellá na última salvación agónica do Celta e no 4 % estaba na bancada. Naquel partido levou por primeira vez unha radio e uns cascos para escoitar os resultados dos rivais.

—Como se ven as cousas para o domingo?

—É unha situación complicada na que nos metemos nós mesmos, pero teño confianza en que podemos conseguilo.

—Nótase a presión durante esta semana?

—Creo que estamos máis concienciados que antes. Sabemos que esta vez non podemos fallar, xogamos contra un grande equipo, pero imos demostrar no campo que non nos pode a presión.

—Por que se chegou ata aquí?

—Diría que por varios factores. Estivemos pensando cales podían ser as causas e non atopamos tampouco moitas respostas. Creo que somos un bo equipo, pero igual houbo encontros que non os afrontamos como deberíamos, pero retroceder agora a eses partido só serve para facer autocrítica e mellorar. Estamos onde estamos porque así o merecemos e temos que afrontar o partido do mellor xeito posible, sabendo os erros que cometemos para que sirva de aprendizaxe.

—Cando ao equipo lle acontece algo negativo nun partido, xa se vén abaixo, e iso agora non vale. Como se combate?

—Está claro que iso non vale agora. Noutras ocasión fomos quen moitas veces de recuperarnos, pero en moitas, non o fomos. Agora estamos na casa coa afección e coa conciencia nosa de sacar os tres puntos si ou si.

—Que Barça se espera?

—Espero un Barça serio, é o campión da liga, o mellor equipo da mellor liga do mundo, e espero un rival con xogadores de elite mundial. Vai ser un partido moi complicado, pero nós estamos moi concienciados, queremos sacar os tres puntos si ou si, xogando ben, mal ou como sexa, temos que sacalo. Esperamos un encontro moi disputado.

—Como se plasma no campo iso de «que saiban que quen se xoga algo somos nós»?

—Plásmase na primeira xogada. Temos que ir a morte, cada balón dividido ten que ser noso, cada balón aéreo ten que ser noso, temos que ir forte sen dubidar un só momento, tendo as ideas moi claras e indo por eles con determinación. Eles, cando ven as debilidades do rival, aproveitan, porque son un equipo perigoso.

—Coa súa calidade arriba poden montala en calquera momento.

—Por iso temos que estar preparados para que pase o que pase. Sabemos que son un gran equipo, con moita calidade e se non estamos concentrados, podemos pagalo moi caro. Temos que estar moi agresivos, pero tamén moi concentrados, sabendo que o encontro non vai durar 5 minutos, senón noventa e algo. Será un partido longo, a xornada vai ser longa, dura e de moitas emocións e temos que controlar todo iso.

—Falando de cousas longas, cantas horas teñen os días desta semana para vostede?

—Moitas. Son momentos difíciles e duros para todos nós, pero temos que asumilo. Estamos nisto, somos xogadores e elite e temos que saber estar.

—En canto cifraría o tanto por cento de salvación que ten o Celta?

—Un 100 %. Depende de nós e estou totalmente confiado de que o imos lograr.

—A palabra unión foi a máis repetida en sala de prensa esta semana, é certa esa unión?

—Ten que habela. Son momentos duros e cando unha familia pasa momentos duros, a unión ten que existir sempre. Temos que protexernos entre nós, todos temos que remar na mesma dirección. Entendo que haxa críticas, porque ten que habelas, pero temos que sumar todos. Se non hai unión, vai ser moi complicado.

—Alguén podería pensar en marzo que el Celta ía estar nesta lea?

—É moi difícil pensar que vas estar así tres meses atrás, pero non fixemos ben o noso traballo, non sumamos os puntos que deberiamos ter. É complicado, porque pensas no que podes mellorar e non encontras moitas explicacións, pero son consecuencias do que temos, non podemos mirar atrás e agora temos un último partido e dependemos de nós, iso ten que darnos confianza.

«Xogaría en Segunda, pero o Celta vai estar en Primeira»

O canteirán remata contrato o 30 de xuño logo de cinco tempadas no primeiro equipo, pero iso considérao unha cuestión menor ata o luns, aínda que non esconde que quere seguir en Vigo.

—Acaba contrato, pero supoño que é o que menos importa agora.

—A verdade é que si, non me importa nada de nada. Estamos enfocadísimos no domingo e logo haberá tempo de falalo. Agora, o partido é o máis importante.

—Xogaría en Segunda?

—Non creo que tivese problemas en xogar en Segunda, pero o Celta vai a estar en Primeira. Sería bonito estar co Celta en Primeira.

—Aínda que agora estea aparcado, houbo algún avance?

—No sei nada, está todo parado porque non son momentos. O club necesita estabilidade e gañar o partido do domingo e a partir de aí, xa se moverá o meu axente.

—Vai xogar Iago Aspas?

—Non o sei, creo que se encontra mellor, pero xogue quen xogue ten que dar o 100 %. Non sempre vai estar Iago para marcar os goles, somos once no terreo de xogo e outros tantos fóra e ao final estea quen estea, vai dalo todo polo escudo.

«Na salvación do 4 % levei por primeira vez unha radio e uns cascos á bancada»

Kevin viviu as últimas permanencias dentro e fóra do campo. No 2020 estaba en Cornellá, no banco, e no 2013 era un afeccionado máis na bancada cunha radio pegada ao oido para seguir os resultados da xornada.

—Viviu o de Cornellá no banquillo, lévase mellor dentro?

—No campo vívese mellor. Cando che toca estar fóra non podes participar e é moito máis complicado, porque non podes intervir no xogo, pero estando dentro ou fóra hai que arrimar o ombreiro e sumar no que se poida.

—Serve de experiencia aquel partido?

—A min si, polo menos. En Cornellá intentamos saír a gañar, pero non fomos nós mesmos. O de ir polo partido e ser valente co balón naquel partido en Cornellá non se viviu, víusenos un equipo con medo a perder, pero ante un rival como o Barça, non podemos ter ese medo, temos que ser nós mesmos, volver encontrarnos con nós e volver a sentir que somos un equipo de fútbol.

—Na salvación do 4 % estaba na bancada, como o levou?

—Foi a primeira vez que levei uns cascos e unha radio a un campo de fútbol e foi un día espectacular, con moita emoción. Cando penso nese encontro, aínda se me pon a pel de galiña.

—Nese partido, o Celta non dependía de si mesmo, pero había máis esperanzas que agora.

—Entón, había pouco que perder. Estaba moi complicado e facía máis ilusión para a xente, pero nós temos que ver o lado positivo, dependemos de nós, non temos que mirar outros encontros como facía eu dez anos atrás.