Pablo Couñago: «É unha ledicia ver que agora o Celta si aposta pola canteira» 

GRADA DE RÍO

Oscar Vázquez

O canteirán fala do soño cumprido que foi xogar no equipo vigués e da espiña que lle quedou por non estar máis anos no clube; agora vive a súa última tempada en activo no Choco

19 abr 2018 . Actualizado a las 11:11 h.

Pablo Couñago (Redondela, 1979) está a disputar a que será ao 99,9 %, di, a súa última tempada en activo. O agora xogador do Choco debuxou a súa traxectoria en Inglaterra, Vietnam, Hong Kong e Finlandia previo paso polo Celta, onde se formou tras iniciarse no Casa Paco e onde recoñece que lle gustaría ter estado máis tempo. Bota a vista atrás para lembrar como foron aqueles anos e por que o seu soño celeste só se puido cumprir a medias.

-Chega ao Celta en idade cadete. ¿Como foi ese paso?

-Xogaba co Casa Paco e levaban dous ou tres anos tratando de convencerme para fichar. Eu estaba a gusto no equipo do meu pobo e non foi ata a esa idade, cando era cadete de segundo ano, porque no meu equipo non había etapa xuvenil. Daquela estaba na selección galega e na de Vigo e dicíanme que o seguinte paso era a española e que para conseguilo tiña que ir ao Celta. Por iso antes de acabar a etapa cadete acabei indo.

-¿Así que lle daba calazas ao Celta?

-O Celta era un soño, pero era feliz no Casa Paco e sabía que se seguía facendo as cousas ben o interese ía seguir aí, como así foi. Tamén influía que morrera meu pai e era un incordio desprazarme a Vigo, aínda que despois tiven compañeiros da zona e a famili axudou moito neses anos que non tiña carné.

-¿Como é o cambio dun equipo como Casa Paco ao Celta?

-Para min foi natural, aínda que igual soa mal dicilo. Tiven a sorte de que as miñas condicións físicas eran superiores ao normal para esa idade e por iso non notei tanto cambio. O Celta en categorías inferiores sempre vai moi sobrado, vinme rodeado de xogadores que era mellores e iso facilitábame seguir tendo as mesmas ocasións e marcando os mesmos goles ou incluso máis.

¿Tardou en ver preto a posibilidade do primeiro equipo?

-Foi todo moi rápido. Chego sendo cadete de segundo ano e á seguinte pretempada comezo co Xuvenil de División de Honra; ese mesmo ano acabo adestrando co primeiro equipo de Aimar. Foi o soño de calquera futbolista, algo que sempre se mira lonxe e que a min pasoume en cousa de oito meses.

«Tiven a sorte de desfrutar no Celta do fútbol puro, da esencia da diversión do deporte na infancia que creo que se está a perder»

-¿Chegou a deslumbrarlle esa situación?

-Penso que non, porque non era moi consciente. Es un rapaz e queres xogar e divertirte, levábao con normalidade. Daquela na Madroa non había tanta xente, eu ía á selección española con 17 anos e ninguén tiña representante, cando hoxe xa o teñen aos trece e está todo moito máis masificado e profesionalizado, algo que non creo que sexa bo. Tiven a sorte de desfrutar fo fútbol puro, da esencia da diversión do deporte na infancia que creo que se está perdendo.

-¿Que lembranzas garda do seu debut?

-Cando fixen esa pretempada con Aimar, el falárame de que a súa idea era que debutase ese ano, pero botárono polos malos resultados e ao final foi con Castro Santos, sendo xuvenil de primeiro ano ou como moito de segundo. Era un partido de Copa, coa volta en Balaídos e a eliminatoria encarrilada. Deume a oportunidade na segunda parte cando o equipo perdía 1-0, coa sorte de que puiden debutar marcando o gol do empate. Fora un día moi bonito.

Oscar Vázquez

-¿Di o mesmo se fala da etapa que pasou no Celta no seu conxunto?

-Si, claro. Pasei por distintos momentos: na época xuvenil xogaba no filial, conseguimos un ascenso a Segunda B e logo pasamos un ano duro e descendemos. Cando remato a época xuvenil teño opcións de saír cedido, estou un par de tempadas fóra -no Numancia e o Recreativo- e ao regreso o clube tiña unha plantilla grande, con moita calidade e que pelexaba por Europa todos os ano. Era complicado facerse un oco. Por iso tiven que marchar.

-O último ano non foi doado, ¿non si?

-Por desgraza, aquela tempada falouse máis tempo da miña renovación que de que realmente tivese oportunidades de xogar no Celta. Ao final acabei marchando cun sabor agridoce polos problemas que xurdiron por esa renovación que non chegou.

-¿Que pasou para que non se acadase ese acordo?

-Para min o maior soño era estar no primeiro equipo do Celta moitos anos. Un sabe que cando é novo ten que traballar para gañar as cousas, pero eu notaba que malia a levar anos moi bos no xuvenil e no filial, chegaban outros futbolistas novos e le lles daban máis minutos, máis oportunidades, mellores contratos. Entendía que era parte do espectáculo do fútbol, pero no momento en que empezo a ter ofertas e llas traslado ao clube nunca me toman en serio, convencidos de que non podía marchar polos dereitos de formación. En realidade estaba a punto de saír a Lei Bosman e cando cambiou a reglamentación eu era libre.

M. Moralejo

«Para min o Celta era o máximo, marchei con máis pena que felicidade»

-¿Tivo claro que marchar era o camiño correcto?

-A miña intención era renovar mesmo perdendo cartos, pero nunca me creron e foi unha decisión moi difícil. Estaba no Celta, na casa, no equipo da miña terra e que para min era o máximo. Marchas con moita máis pena que felicidade, pero botando a vista atrás penso que aínda que fose unha decisión forzada polas circunstancias, foi boa. Decátaste de que hai moitos sitios nos que gozar do fútbol. Fun a Inglaterra, país que para os futbolistas é incrible. Sempre queda a mágoa de non desfrutar máis tempo do meu equipo, pero a cambio tiven a sorte de coñecer outra liga e outra forma de vida.

-¿Cal pensa que era a causa última de que destacando como destacaba non tivese máis oportunidades?

-A sensación era que primaba que gañase o equipo, que estivese arriba. Gastábanse moitos cartos para iso e no momento que eu non renovaba sentía que estaba máis apartado do que debera. Naquela época fichárase a xogadores como Kaviedes, Turdó, McCarthy, xente nova, bos xogadores con boas traxectorias, pero nin mellores nin peores que a miña. Sínteste ninguneado e segues o teu camiño.

Xulio Villarino

-¿Cales son as súas mellores lembranzas do Celta?

-Recordo con agarimo a época de cadete e xuvenil, as amizades que fas. Os momentos máis felices son de neno. Cando chegas ao profesionalismo tamén hai momentos bos, todo ten máis repercusión. Sempre recordarei o último partido da Intertoto, que viña xogando todo e facéndoo ben, xogaba con McCarthy arriba nese momento, con Mostovoi lesionado. O día da fina non tiven a sorte de saír de cara, íamos perdendo 2-0, sacárame e as cousas saíran ben, tivera a sorte de axudar ao obxectivo que era a clasificación europea.

-¿Como era compartir vestuario con tantos pesos pesados?

-Era unha sorte ter ao lado a xente como Mostovoi, Karpin, Mazinho, Djorovic, McCarthy, Cáceres, Gustavo… Futbolistas que marcaron unha época. Coincidir con eles, aínda que non fose moito tempo, é algo que che queda para sempre.

-Os canteiráns como vostede eran unha verdadeira excepción.

-Ese último ano meu quedara Noguerol na plantilla, e Jonathan Aspas era máis novo e estaba xa cerca do primeiro equipo, como Jacobo Campos.

«Iago Aspas é hoxe un referente grazas á oportunidade que se lle deu porque o clube vivía unha época mala»

-Co paso dos anos si que houbo oportunidades para xente da canteira. ¿Como o viviu?

-Feliz, porque penso que debera ser unha norma non escrita en calquera equipo. É bo que se traian xogadores de fóra que poden dar o nivel e axudar, pero debe ser igual cos da casa, hai que apostar por eles e non só nas épocas malas. Iago Aspas é hoxe un referente, posiblemente o mellor canteirán do clube, e foi grazas a que o Celta vivía unha época mala. As oportunidades non deberan depender diso. Os canteiráns son un valor, é unha forma de que os rapaces vexan a posibilidade preto. Lembro falar con compañeiros  e que o vían imposible. E case o era, chegábamos contados. Hoxe ver que xogadores como Brais teñen unha oportunidade e que si se aposta pola canteira é unha ledicia.

-Nese sentido, ¿chegou a pensar que noutra época a súa vivencia no Celta podería ter sido diferente?

-Dimo a xente e eu tamén o penso, si. Pero a cada un tócalle a época que lle toca e non podo pararme a pensar o que podería ter sido. Gústame ver xogadores da canteira e no seu momento tamén me tería gustado.

-¿Considérase afeccionado do Celta?

-Claro, é o meu clube, o que me axudou a chegar a onde cheguei. Houbo persoas que me axudaron e outras que non, pero as persoas pasan e os clubes están por enriba de todo. Sempre fun e sempre serei siareiro do Celta.

«Ao 99,9 %, esta vai ser a miña última tempada en activo»

-Actualmente milita no Choco. ¿Ten decidido cando chegará a retirada?

-Ao 99,9% está será a miña última tempada en activo. A recuperación física é cada vez máis difícil e penso que o corpo xa o vai pedindo. É un momento que sabes que ten que chegar e agora toca pensar noutras cousas.

-¿Ve o seu futuro ligado ao fútbol?

-Aínda teño que decidilo. Por unha parte encántame este deporte, a parte de estar cos rapaces, analizar… Pero coa parte do negocio que rodea todo actualmente non disfruto en absoluto, non me vexo metido aí, estou moi queimado dese aspecto despois de toda a miña carreira e iso faime replantearmo, non me apetece. Vai depender un pouco das opcións que aparezan.

Oscar Vázquez

-¿Gustarialle que os seus fillos se dedicasen profesionalmente ao fútbol?

-Teñen cinco e dez anos e xogan para divertirse e pasalo ben, que a esas idades é o importante. Se o día de mañá é realmente o que queren, intentarei axudalos ao máixmo como en calquera outra actividade que escollan. O importante é que sintan paixón polo que fagan.

-Falaba antes da súa experiencia na selección española. ¿Como foi aquel Mundial do 99 no que acadou a Bota de Ouro?

-Teño un recordo moi bonito de cando es un rapaz e comezas a ter esas oportunidades coas que non contabas. É unha satisfacción representar ao teu país e xogar ao lado e xogadores que logo serían referencias nos seus equipos como Xavi, Iniesta, Marchena e enfrontarte a outros como Ronaldinho. É un orgullo.

No disponible