Confusión de representantes

Pablo L. Estévez Rodríguez A OPINIÓN DO EXPERTO

GRADA DE RÍO

25 ene 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Dende hai cinco anos teño a sorte de impartir as clases adicadas ao réxime xurídico dos axentes de xogadores no Curso Superior de Dereito do Fútbol, que co-organiza a Fundación da RFEF. A miña impresión é que o ano que ven, ou o seguinte porque a Xustiza está moi saturada e as taxas non o van a solucionar, vou a ter que expoñer o caso Iago Aspas.

A actividade dos axentes de xogadores non está expresamente regulada no noso Dereito. Existe si a regulamentación privada da FIFA, trasladada ao noso ámbito territorial pola RFEF.

Así as cousas os axentes poden apoiar a súa actividade no Regulamento de Axentes de Xogadores da FIFA ou en figuras afíns do Dereito Español (axencia, mandato, representación, etc.)

Con independencia das declaracións que onte realizaba Iago, parece ser que temos enfrontados a un axente e a unha empresa sostendo ambos que son os seus lexítimos representantes. De aquí para diante será o irmán do xogador o que se poña de acordo con uns ou outros para decidir o seu futuro deportivo pero sigue sendo un misterio o habido ata o de agora.

A situación pode respostar a que o xogador apoderase simultaneamente a varias persoas, ben sen exclusividade ben para ámbitos xeográficos distintos.

Tamén poderíamos estar ante o frecuente conflito por cambio de axente antes do fin do contrato de representación. De ser así haberá que ver si hai pactada unha penalización pola resolución anticipada. A marxe do dereito a esa penalización, o que recoñecen a maioría das sentenzas e que o xogador sempre pode cambiar de axente posto que ese encargo se basea na confianza.

Polo axente cesado se defenderá a vixencia do seu contrato e a realización de xestións na súa execución. Elo explicaría que os dous pretendidos titulares da representación veñen sacando en prensa que teñen equipos para Iago, deixando así probas do traballo realizado ata agora.

O resultado final dun eventual pleito entre o xogador e o pretendido representante dependerá de circunstancias como que exista contrato escrito, que o axente acredite ter realizado labores derivadas do encargo, que este lle fose revocado en tempo e forma, que se lle outorgara a exclusividade ou que se acuda aos Tribunais de Xustiza ou ao Comité Jurisdiccional da RFEF.

Pablo L. Estévez Rodríguez é avogado, máster en Dereito Deportivo, socio de Lexsports