Abre o prazo para que persoas de fóra da comunidade se anoten aos cursos de galego da RAG
GALICIA
Interesados estranxeiros e doutras autonomías poderán realizar en xullo, en Santiago, clases teóricas e tamén obradoiros e excursións. As inscricións pechan o 6 de abril
11 mar 2026 . Actualizado a las 17:16 h.Os cursos de verán de lingua e cultura galegas organizados pola Real Academia Galega (RAG) e o Instituto da Lingua Galega (ILG) chegarán este ano a súa XXXVI edición e xa está aberto o prazo para que estranxeiros e interesados doutras comunidades se anoten. Os cursos celebraranse en Santiago no mes de xullo e ofrecen, segundo explican os convocantes, «unha experiencia completa de inmersión na lingua e na cultura galegas». A inscrición estará aberta dende este mércores ata o vindeiro 6 de abril a través da páxina web da RAG.
Ademais de clases teóricas e prácticas, o programa «Galego sen fronteiras» inclúe obradoiros e excursións, pero tamén relatorios de persoas convidadas que son referentes nos seus respectivos campos e que desenvolven o seu labor en lingua galega. Os cursos, que terán lugar entre o 3 e o 24 de xullo, están dirixidos a alumnos internacionais e doutras comunidades autónomas, e organízanse en tres niveis, podendo escoller entre o elemental, o intermedio e o superior.
Tanto a RAG coma o ILG, dependente da Universidade de Santiago (USC), salientan que os cursos promoven dende 1998 un espazo para promover «o idioma e a cultura de noso por todo o mundo» e lembran que moitos dos estudantes que pasaron por eles se acabaron convertendo en embaixadores culturais de Galicia por todo o mundo. É o caso de Anik Nandi, director do centro de estudos galegos da Universidade de Woxsen, na India; da poeta e tradutora canadense Erin Moure; e do académico suizo Johannes Kabatek, catedrático na Universidade de Zürich.