A Xunta avanza contactos políticos para o novo plan de normalización lingüística e o BNG di que é o Goberno máis «antigaleguista» da historia
GALICIA
O conselleiro López Campos defendeu no Parlamento o «consenso social e político» para actualizar o documento e respondeu ás criticas pola nova lei de patrimonio cultural. Os nacionalistas acúsano de «avanzar na liquidación de Galicia como nación cultural»
28 ene 2026 . Actualizado a las 17:23 h.A elaboración do novo plan de normalización lingüística, previsto para este ano, segue adiante. O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, anunciou este mércores no Parlamento que poñerá en marcha unha ronda de contactos cos partidos políticos e que as 11 comisións de expertos que durante os pasados meses estiveron traballando na actualización do plan —aprobado no 2004— xa remataron o traballo de campo.
Nese tempo, os grupos de traballo reuníronse con cidadáns, asociacións e entidades, e durante ese proceso participativo, segundo cifrou López Campos, conseguiron 400 contactos e 1.400 propostas. Agora, as comisións traballan na elaboración das conclusións que figurarán no documento definitivo que entregarán á Xunta e que servirá como base para o novo plan.
Na súa intervención no pazo do Hórreo, o conselleiro defendeu a renovación do documento e reivindicou a necesidade «do consenso social e político» para levalo a bo termo. «A lingua é o patrimonio de todos os galegos e, polo tanto, son eles e ninguén máis ca eles, os que nos teñen que marcar o camiño a percorrer nos próximos anos», salientou. López Campos conta con ter o informe enriba da súa mesa nas vindeiras semanas.
Pero as súas declaracións non convenceron na oposición. A deputada do BNG, Mercedes Queixas, iniciou a súa intervención acusando o conselleiro de ser voceiro do Goberno «máis antigaleguista da historia». Non só, dixo, «polo seu papel na xestión do idioma, senón tamén por ter renunciado a unha competencia como é a xestión do patrimonio», en relación á delegación de permisos de Patrimonio cultural aos concellos que entrou en vigor o 1 de xaneiro. «Ese é o seu éxito: avanzar na liquidación da identidade de Galicia como identidade cultural», apuntou.
Á súa intervención, López Campos criticou que a nacionalista se intentase «erixirse como valedora da galeguidade» e acusouna de «denigrar» os alcaldes por non aceptar que agora os concellos teñan competencias para aprobar ou non determinadas actuacións relacionadas co patrimonio. «Ínstoa a analizar a lei e a dicirme un só artigo co que se desprotexe o patrimonio», concluíu o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos.