Besteiro reivindica en Barcelona as linguas cooficiais como ferramenta de convivencia
GALICIA
O secretario xeral do PSdeG salientou os lazos de Galicia con Cataluña no pregón da festa de San Froilán que a diáspora galega celebra en Barcelona
04 oct 2025 . Actualizado a las 19:46 h.O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou as linguas cooficiais como «ferramentas de convivencia» no pregón das festas de San Froilán que o venres á noite celebrou a diáspora galega en Barcelona. O líder socialista, que salientou «o enorme afecto que temos dende moitísimas partes de España por Cataluña», salientou os «lazos inquebrantables» de Lugo e de toda Galicia coa comunidade catalá, que considera unha referencia de «pluralidade, acollemento e comprensión», mais que tamén definiu como «un lugar para vivir, traballar e formar parte dunha sociedade que constantemente busca avanzar».
Volvendo ás linguas cooficiais, Besteiro reivindicou no acto a iniciativa que promoveu o PSOE para regularizar o uso do galego, o éuscaro e o catalán no Congreso. Tres linguas que actualmente son empregadas nos plenos, dixo o secretario xeral dos socialistas, «con total normalidade». Ademais, defendeu o carácter dun «país diverso que posúe unha riqueza enorme na súa variedade, e que a vive con máis normalidade do que ás veces se quere contar», nuns tempos nos que «semella máis doado odiar que darse a man».
No pregón que leu, Besteiro definiu esta festa como «unha fermosa maneira de irmandarse» e de manter os vínculos como legado da importante comunidade de lugueses e luguesas e a súa aportación á convivencia porque «a alegría non entende de fronteiras». Cun ton emotivo, reivindicou que os galegos «sempre levamos a Galicia con nós alá onde vaiamos».