
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, visitou este xoves a sede da entidade
17 abr 2025 . Actualizado a las 19:40 h.A Xunta de Galicia ofrece por primeira vez cursos de galego en Nova York a través do Instituto Cervantes. Así o anunciou este xoves o secretario xeral da Lingua, Valentín García, nunha visita á sede da entidade coincidindo co comezo destas clases. «Non só expandimos e ampliamos o coñecemento do noso idioma máis alá da nosa terra», apuntou, senón que «tamén é unha maneira de darlle prestixio a través dunha institución de renome e, ademais, tendo en conta que Nova York é un punto estratéxico».
O representante do Executivo autonómico estivo acompañado polo director do Instituto Cervantes, Javier Valdivieso, e o responsable dos cursos, Álex Alonso. Lembrou que esta é «unha das medidas incluídas no pacto pola lingua dirixido a incentivar o uso social do galego e onde se recolle a posta en marcha de distintos cursos enfocados en diferentes grupos de poboación». Neste senso, destacou un dos puntos principais deste pacto, a actualización do Plan xeral de normalización da lingua galega, que precisamente dedica unha das súas mesas de traballo especializadas á proxección exterior do galego e á súa promoción fóra de Galicia.
Tal e como explicou Valentín García, esta acción está dirixida tanto a manter a conexión cultural coas comunidades de galegos residentes no exterior como a ofrecerlles a oportunidade ás persoas interesadas de achegarse á cultura e á lingua galegas. Ademais, valorou que «saber comunicarse en galego tamén nos conecta co mundo a través dos países de fala portuguesa, con máis de 270 millóns de falantes».
Segundo afirmou o secretario xeral da Lingua, a posta en marcha destes cursos no Instituto Cervantes de Nova York xurdiu grazas á colaboración da Xunta con esta entidade. Esta nova formación súmase á oferta especializada noutros cursos de lingua galega e castelá que a entidade xa vén ofertando nos seus diversos centros. «Con esta incorporación ampliamos a nosa aposta por poñer en valor as linguas cooficiais e a cultura e identidade propia dos distintos territorios no conxunto do Estado», sinalou Valentín García, resaltando que «a aprendizaxe da lingua a través destes cursos vai vencellada a un coñecemento máis profundo do que é Galicia, a súa historia, as súas raíces, o seu contexto e a súa xente».