Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

A Xunta activará o xoves as comisións de traballo para renovar o plan de normalización do galego

Santiago LA VOZ

GALICIA

O conselleiro de Cultura e o secretario xeral da Lingua reuníronse con representantes da Mesa pola Normalización Lingüística, encabezados polo seu presidente, Marcos Maceiras
O conselleiro de Cultura e o secretario xeral da Lingua reuníronse con representantes da Mesa pola Normalización Lingüística, encabezados polo seu presidente, Marcos Maceiras .

O conselleiro anunciou este novo paso despois do encontro este luns coa Mesa pola Normalización Lingüística, quen lle pediu á Xunta «valentía e perder os medos en relación ao idioma de Galicia»

23 dic 2024 . Actualizado a las 19:46 h.

A Xunta presentará o xoves os coordinadores dos grupos de traballo para renovar o Plan Xeral de Normalización da Lingua. Así o anunciou este luns o conselleiro de Cultura, José López, despois de reunirse con representantes da Mesa pola Normalización Lingüística, un encontro que chega no marco da rolda de contactos iniciados polo representante do goberno autonómico para chegar a un pacto pola lingua. «Non ten que ser un acordo político, senón social», reiterou o conselleiro.

López, que cualificou esta reunión de «frutífera, positiva e nun tono axeitado», indicou que lle pediron á Mesa que presente achegas de aplicación inmediata para impulsar o uso do galego e que participen no pacto pola lingua. «A Mesa está disposta a participar, o que nos alegra. O único que se descolga do proceso parece que é o BNG o que non é boa noticia para o plan nin para o BNG», afirmou o conselleiro, reiterando que teñen a man tendida para este proceso que ten o seguinte paso este xoves co encontro dos coordinadores das mesas das once comisións de traballo. A partir de aí estableceranse os membros, que serán especialistas en cada unha das áreas temáticas.

Pola súa banda, A Mesa amosou «toda a disposición de facer achegas e todas as propostas para que a lingua galega avance e seguirémolo facendo sempre que teña o obxectivo de avanzar na normalización da lingua galega. Entendemos que o galego debe estar en todo para poder ser usado para todo», afirmou e o seu presidente, Marcos Maceiras, tras un encontro de máis dunha hora. Así, precisou que están dispostos a contribuír para reactivar os acordos e facer efectivos os obxectivos do Plan Xeral de Normalización, iso si, «tamén reclamamos esa mesma disposición e actitude por parte da Xunta. Non lexitimaremos ningún proceso que non teña por obxectivo reverter a emerxencia lingüística que ten o galego».

De cara a este proceso que se abre, desde A Mesa instan ao conselleiro e ao Goberno aalego «a amosar toda a valentía e a perder os medos en relación ao idioma de Galicia e a traballar para asegurar a disposición do galego en todos os ámbitos e en todos os usos. O que hai que garantir é a oficialidade real da lingua».

Se cando se iniciou o proceso para chegar un pacto pola lingua, o conselleiro afirmara que non tiñan liñas vermellas, no mesmo senso se pronunciou A Mesa. «Nós non temos liñas vermellas, pero pedimos que desaparezan as liñas vermellas que ten a lingua galega no ensino, na administración de xustiza, nos xoguetes, na saúde, no audiovisual...», remarcou Marcos Maceiras. Engadiu que ven posible «abrir un tempo novo para a lingua galega, pero segue a ser necesaria a mobilización da sociedade». Nese sentido, o día 23 de febreiro, coincidindo con Día de Rosalía, convocan unha mobilización.